Cervo, 22 de marzo de 2013-A Concellería de Igualdade deu hoxe a coñecer o cartel e o programa do X Encontro de Palilleiras fixado para o día 6 de abril. A presentación tivo lugar esta mañá e nela estiveron presentes o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Igualdade, Pilar Armada, e as profesoras Mari Luz Méndez e Modesta Lombardero.
Tal e como explicaron, o programa é moi semellante ao de anteriores edicións destacando a demostración en vivo do traballo artesanal das palilleiras, que se reunirán no pavillón municipal de deportes da Veiga para palillar todas a un tempo. “É unha imaxe espectacular, poder ver a centos de palilleiras elaborando encaixe simultaneamente” asegura Armada.
A delegación de Igualdade agarda que nesta edición se manteñan os niveis de participación que se veñen rexistrando nos últimos anos, con máis de 550 palilleiras que acoden a “practicar e amosar a súa axilidade cos palillos”. Polo momento o prazo de inscrición continúa aberto ata o día 27 deste mes, polo que “haberá que agardar a esa data para coñecer os niveis de participación reais tendo en conta que nos últimos días adoitan producirse moitas inscricións” explica a edil.
Os actos comezarán ás 10:00 horas, coa recepción das palilleiras, e continuarán ás 10:30 horas coa exhibición do proceso e dos traballos das artesás, que se prolongará ata as 13:00 horas. Paralelamente, ás 12:00 horas, organizarase unha visita á Fábrica de Cerámica de Sargadelos dirixida a encher de contido o tempo libre das persoas que acompañan ás palilleiras.
Tamén se mantén a venda de produtos e artigos relacionados con esta práctica e coa artesanía e que estarán dispoñibles nunha carpa anexa ao pavillón. Polo momento xa está confirmada a asistencia duns 25 postos procedentes de distintos puntos de España como Madrid ou Barcelona. Ademais, co obxectivo de fomentar a participación da xuventude neste acto, entregarase aos mozos e mozas palilleiras diplomas acreditativos da súa asistencia. Tamén as demais palilleiras levarán un recordo deste evento para casa, que nesta ocasión será unha figura feita a man por un artesán galego. Ademais, todas as persoas que se acheguen ao evento poderán adquirir rifas coas que optarán aos premios que se sortearán no transcurso do día, e que foron cedidos por unha ducia de establecementos e empresas da zona. Non faltará a música tradicional co grupo folclórico “Airiños do Xunco” de Cervo, que amenizará a xornada.
Exposición
Dentro do programa complementario do X Encontro de Palilleiras cabe destacar a exposición que se inaugurará este xoves na Casa da Cultura de San Cibrao e na que se amosan diversos artigos elaborados con encaixe, aínda que tamén haberá unha mostra de bordado en tul e de pezas de Hinojosa.
Unhas creacións que teñen procedencia variada, xa que algúns deles son traballos elaborados nas clases que imparten Mari Luz Méndez e Modesta Lombardero, dúas profesionais que colaboran activamente na organización do encontro. Pero tamén é importante resaltar que hai pezas que foron doadas por particulares. “Queremos facer un agradecemento expreso a todas as persoas que nos cederon estes artigos para poder expoñelos e que enriquecen esta mostra” asegura a edil.
Armada tamén transmitiu os seus agradecementos aos comercios e empresas que achegaron os premios para o sorteo así como a Mari Luz e Modesta, “por implicarse todos os anos nesta celebración”, así como a todas as entidades e persoas que fan posible que “todos os anos reunamos a centos de persoas en San Cibrao ao redor do encaixe”.
O alcalde de Cervo, pola súa banda, quixo resaltar tamén a importancia de seguir celebrando este encontro “que este ano chega á súa décima edición, que xa está consolidado e que forma parte da axenda habitual das palilleiras de distintos puntos de Galicia e de España”. Villares considera que “as tradicións hai que mantelas vivas e por iso seguimos e seguiremos apoiando o Encontro de Palilleiras que, pouco a pouco se foi facendo un oco entre os eventos deste tipo que se celebran en Galicia”. O rexedor tamén resalta o impacto “positivo que ten este día na economía local pola grande capacidade de atracción do evento”.





















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.



