O Pleno provincial aprobou este martes, coa abstención do PP, unha nova redución da débeda financeira da Deputación por valor de 3,5 millóns de euros, que se suman ós 10 que xa estaban previstos no Orzamento de 2013. Deste xeito, con estes 13,5 millóns, segundo explicou a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, “conseguiremos situar o endebedamento da Deputación ó finalizar este 2013 nos 37,5 millóns de euros e, dende que entramos no Goberno provincial, hai 6 anos, levarémola rebaixado en 52,2 millóns de euros, o que supón un 60%”. “Todo isto”, asegurou Porto, “grazas a unha boa xestión, responsable e eficaz, na que combinamos políticas de crecemento, que potencian o emprego e o benestar, con outras de contención do gasto”. “Nós, os recortes aplicámolos á débeda, non ás políticas sociais, como fan os Gobernos de Rajoy e Feijóo”, subliñou a Deputada.
A nova redución da débeda por 3,5 millóns de euros foi a primeira das “tres boas noticias económicas” que Pilar García Porto deu no Pleno de hoxe. A segunda é que neste 2013 a Deputación non ten que solicitar ningunha operación de crédito, polo que, por segundo ano consecutivo, “conseguimos endebedamento financeiro cero”, indicou a Deputada.
A terceira “boa nova” está relacionada coa execución orzamentaria do 2012, pois, segundo informou García Porto á Corporación, “os informes de liquidación determinan que acadamos un 80%, un nivel moi satisfactorio”, que supera en 10 puntos ó rexistrado na Deputación da Coruña, a única galega que, xunto á de Lugo, fixo público por agora o seu informe de liquidación do pasado ano.
“Falta de respecto do PP” coas áreas sanitarias
O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos, cualificou de “chapuza, improvisación e falta de respecto ós veciños que representan”, a decisión do Grupo Provincial do PP de presentar a este Pleno unha moción na que instaban á Xunta a non modificar o actual mapa sanitario, de tal xeito que se manteñan as áreas sanitarias da Mariña e Monforte, e incluso se reforcen. Santos criticou duramente a postura dos populares, pois na anterior sesión plenaria, hai só un mes, abstivéronse nunha proposta do Goberno provincial que abordaba esta mesma cuestión, e ademais o Consello da Xunta xa aprobou, o pasado 21 de marzo, o Decreto que crea unha única área de xestión integrada para toda a provincia, “área que vostedes defendían no pasado pleno, ou xa se esqueceron?”, inquiriu Santos.
“Improvisan e chegan tarde. A que están xogando?”, engadiu o Deputado, “queren lavarse a cara porque, por fin, varias manifestacións multitudinarias despois, estanse dando conta de que ninguén, nin pacientes, nin médicos, nin sequera xente das filas do propio PP, como o ex alcalde de Cervo e ex xerente do Hospital da Costa, están de acordo co que está a facer a Xunta de Galicia”. O delegado de Cooperación reprochou ós populares que “traten de lavarse a cara organizando unha cerimonia de confusión, desas que tanto lles gustan, para enganar e manipular”, dada a total inconcrección da proposta que levaron a Pleno.
Neste senso, Álvaro Santos instounos a deixar meridianamente clara a súa postura sobre as áreas sanitarias apoiando unha emenda de substitución do Executivo provincial para:
Primeiro, pedir á Xunta que anule a publicación, e por tanto, a entrada en vigor, do Decreto que establece unha única área sanitaria integrada para toda a provincia de Lugo.
E segundo, reclamar a implantación de tres áreas distintas de xestión integrada, con plena capacidade de xestión en asistencia primaria e especializada: unha na Mariña, outra en Lugo, e outra en Monforte, é dicir, que cada unha teña o seu xerente cun orzamento autónomo e independente, e que en cada zona poidan decidir cales son as necesidades e os servizos que precisan os veciños, sen ter que depender de Lugo capital.
“A proba do algodón”
“Esta é a auténtica proba do algodón, a proba de que vostedes escoitan ós cidadáns, atenden as súas demandas, e non queren desmantelar as áreas sanitarias da Mariña e Monforte. Digan si ou non: Queren tres áreas sanitarias de xestión integrada, autónomas e con orzamento propio? ou queren que A Mariña e Monforte sexan áreas sanitarias, iso si, pero, sen autonomía, nin orzamento propio, que sexan meras delegacións dunha área única integrada? Aclárense. A nós vannos atopar no camiño sempre que defendan as demandas dos veciños”, argumentou Álvaro Santos.
O Deputado reclamou así mesmo ós populares que “demostren que están do lado dos lucenses pola vía dos feitos, aprobando un acordo plenario, non coa palabra de Feijóo, porque a palabra de Feijóo xa non vale: incumpre sistematicamente cos seus compromisos: manter unhas caixas solventes e galegas, o apoio ó sector eólico, ó naval, ó agrario, ós preferentistas, manter aberto o hospital de Castro de Rei…”
A inconsistencia da moción do PP e o seu intento de “lavar a cara ante a cidadanía”, sinalou Álvaro Santos, quedou patente ó rexeitar os dous puntos da emenda proposta polo Goberno provincial.
O Partido Popular apoia o repago dos comedores
O Pleno aprobou unha moción do Goberno provincial que esixe á Xunta a anulación dun novo copago no servizo de comedores escolares; demandar que vele polo dereito á educación, garantindo un servizo de comedor de calidade para o alumnado que o necesite; e que amplíe o servizo de comedor gratuíto ó alumnado con poucos recursos económicos do ensino infantil e de primaria”. O Partido Popular votou en contra da iniciativa plenaria, apoiando o repago dos comedores.
O Executivo da Deputación advirte de que a medida da Xunta obrigará a 4.000 familias lucenses, na súa maioría residentes nas zonas rurais da provincia, a repagar polo comedor escolar dos seus fillos, o que contribuirá “ó desmantelamento da educación pública, sobre todo no rural”. Indica tamén que esta “imposición do Goberno do PP súmase ós sucesivos recortes dos últimos anos en Educación: no número de profesores, nos orzamentos dos centros, nas axudas para libros, no servizo de comedores, nos servizos de normalización lingüística, atrasos nas transferencias económicas para comedores, empeoramento das condicións sociolaborais do profesorado…”
Pola viabilidade de Alimentos Lácteos
Coa abstención do PP, o Pleno aprobou unha moción do Goberno provincial que insta á Xunta de Galicia a que leve a cabo todas as negociacións pertinentes para garantir a viabilidade de Alimentos Lácteos; que faga, no prazo mínimo dun mes, as auditorías contables necesarias na empresa dende a súa fundación; que convoque, no prazo de 15 días hábiles, a todas as partes implicadas, incluídos os acredores, aportando as solucións ante a posible creba da sociedade; e remitir, de inmediato, todos os resultados das auditorías ó Tribunal de Contas e o Parlamento de Galicia.
A Deputada de Economía cualificou o aval da Xunta para a posta en marcha de Alimentos Lácteos como “o primeiro fiasco de Feijóo”, e como “un exemplo máis da política errática que está a levar a cabo o Executivo galego”.


















A clientela aproveita esta cita para facerse con artigos de tempada a prezos moi interesantes. É a segunda vez neste mes de agosto que se celebra o Comercio na Rúa en Ribadeo. Para a organización desta campaña Acisa conta coa colaboración do Concello de Ribadeo, Comercio Galego e Xunta de Galicia.
Con motivo desta data tan especial, o alcalde Demetrio Salgueiro, xunto ás concelleiras Tamara Soto e Mª Dolores Meitín, visitouna para felicitala persoalmente e compartir con ela unha celebración tan emotiva. O Concello destacou a alegría e o orgullo que supón chegar ao século de vida e trasladoulle os seus parabéns, desexándolle saúde, felicidade e moitos máis anos rodeada dos seus seres queridos.
Dende as 10 da mañá máis de 170 vehículos ocuparán o aparcamento de Coto ata as 13:30, cando partirán en caravana cara Arealonga. Alí permanecerán ata as 17:00, momento no que iniciarán a ruta pola estrada das praias, regresando ás 18:30 para a entrega de premios e a clausura, prevista para as 20:30. A cita reunirá máis de 300 participantes, con presenza de persoas chegadas de Pamplona, Bilbao e doutros puntos do Estado. O evento, organizado por retroclasicos_barreiros e co apoio do Concello, continúa a atraer amantes dos vehículos clásicos e a dar visibilidade á beleza de Barreiros.
No acto intervirán o autor e Xoan Ramón Fernández Pacios, cronista oficial de Foz. A actividade está organizada pola Federación de Librarías de Galicia en colaboración co Concello de Foz.
Villares visitou a exposición fotográfica dedicada a Calvo-Sotelo, instalada na praza de Pancho Maseda, que forma parte do programa conmemorativo do centenario. A mostra reúne unha selección de imaxes seleccionadas pola propia familia do expresidente para achegar á cidadanía diferentes momentos da súa traxectoria persoal e política. A conmemoración, que se estende ao longo de todo 2026, busca poñer en valor a figura de Calvo-Sotelo e a súa relación con Ribadeo, onde deixou unha importante pegada vinculada, entre outras cuestións, ao impulso de infraestruturas.
Durante case dúas horas desenvolveuse unha conversa aberta arredor do mundo do espírito e do contido da obra, nun encontro ao que asistiu un grupo numeroso de persoas dispostas non só a escoitar, senón tamén a dialogar e compartir reflexións. Tras a intervención inicial de Pepe Peinó como responsable do proxecto, tomou a palabra o escritor Lionel Rexes, quen achegou novas perspectivas antes de abrir o debate ao público. As opinións, argumentos e matices sobre relixión, espiritualidade, Deus e os valores que sustentan a convivencia foron enchendo o espazo nun ambiente participativo e respectuoso, no que as diferenzas quedaron en segundo plano fronte á forza do diálogo, a solidariedade e o afecto.
O alcalde, Dani Vega, fixo un balance moi positivo: “foi un concerto moi especial nun marco espectacular, como é a igrexa parroquial de Ribadeo, e no que o gaiteiro Carlos Núñez encandilou aos asistentes co seu repertorio. Todos os asistentes disfrutámolo moito”. Xunto a Carlos Núñez estiveron o rexedor e as concelleiras de Cultura, Turismo e Seguridade, Begoña Sanjurjo, Marta Saiz e Montse Seijo.



