A parlamentaria socialista, Carmen Acuña, ven de presentar unha iniciativa para evitar a incorporación á Área Integrada de Lugo das comarcas de A Mariña e Lemos.
De producirse, significaría que a partires desta unificación será a Xerencia do Hospital de Lugo, na capital da provincia, a que decidirá sobre as necesidades sanitarias desas dúas grandes comarcas, con hospitais comarcais que atenden a preto de 120.000 persoas.
Os socialistas levan así ao debate parlamentario a preocupación e a incerteza existente nos cidadáns destas comarcas polo futuro da área integrada en Lugo. Hai uns días, a conselleira de Sanidade encomendou como primeira tarefa do Xerente do HULA, que a xestión integrada.
“Coñecemos xa o resultado que está dando este modelo de área integrada”, apunta Acuña, pois xa foi imposta noutras zonas sanitarias de Galicia, e por iso “preocúpanos que se amplíe tamén a Lugo”. Para a socialista, estas áreas non cumpren coa función integradora anunciada. Puxo o exemplo inverso co Hospital de Valdeorras, que comezou a funcionar logo de deixar a dependencia da xerencia do Hospital de Ourense.
Denunciou que a área integrada de Lugo, como área única, suporá a perda de servizos nas comarcas da Mariña e Lemos. Os hospitais comarcais converteranse en hospitais de especialidades, derivando paulatinamente aos doentes ao HULA, isto vai levar a que se colapsen os servizos de urxencias de este hospital, como pasa noutros hospitais das provincias galegas.
Outra consecuencia é a redución de especialistas, obrigando aos doentes a maiores desprazamentos. Acuña chamou tamén a atención sobre outras consecuencias engadidas á perda da calidade asistencial que afectaría ás comarcas da Mariña e Lemos de instaurarse a área integrada.
Acuña acusou ao Goberno de Feijóo de esquecer que estes hospitais comarcais, ademais da calidade asistencial que ofrecen, son, nas súas respectivas áreas de influencia, “unha das principais empresas da comarca tanto en emprego directo como indirecto”. Por iso, “o recorte que pretende o PP transformarase en máis paro e recesión”, advertiu. A xente, ademais de ter que desprazarse para recibir atención sanitaria, perderá un motor económico da comarca.
A socialista propuxo tres áreas sanitarias para Lugo, Monforte e Burela. Que a Xestión Integrada de Primaria Hospitalaria se centre en cada un dos hospitais comarcais, respectando o actual mapa sanitario. Tres xerencias autónomas e con orzamentos independentes. Os socialistas esixen que non se baleiren de contido estas áreas sanitarias.
A parlamentaria socialista finalizou salientando a fonda decepción que lle manifestaron os veciños de Monforte co presidente Feijóo, que comprometera en campaña o mantemento da área sanitaria diferenciada da capital de provincia.