Lugo, 13 de marzo de 2013.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, lamentou hoxe que o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, “teña pouco pudor” e se achegue a Mondoñedo a vender como unha xestión áxil “acudir dous meses despois da Xunta para colaborar co Concello mindoniense” na resolución do problema causado polos desprendementos na estrada de Orxal a Pausalido.
Arias, que considerou unha satisfacción que a familia que permanecía con problemas de transporte poida ter resoltas estas dificultades, estimou que Besteiro amosa “dubidoso estilo e escaso decoro” ao prestarse “a retratarse agora como salvador dun problema que lle competía e no que tardou case tres meses en actuar”.
A delegada territorial recordou que, hai arredor de dous meses, a Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas “foi o primeiro departamento institucional que non reparou en iniciar a colaboración co Concello de Mondoñedo para subsanar este problema” na estrada de Orxal a Pausalido. Aínda que a estrada non é de titularidade autonómica, puntualizou Arias, “o Executivo galego atendeu a demanda de colaboración realizada polo alcalde de Mondoñedo e púxose en marcha para abordar o problema”.
Nese momento, técnicos do departamento autonómico desprazáronse ata a zona e realizar un estudo para determinar a actuación a seguir. Este estudo foi remitido tan rápido como foi rematado ao Concello de Mondoñedo para proceder a solucionar a inestabilidade que xeraba un noiro no vial de acceso de Orxal a Pausalido, a altura da parroquia de Argamoso.
Á vista de todo isto, Arias queixouse de que o presidente da Deputación de Lugo estea embarcado nunha campaña política que o fai “estar disposto a proxectar a súa imaxe particular fóra da provincia a calquera prezo”, chegando a ser capaz de “distorsionar a realidade con tal de atacar á Xunta”.