ALCALDES DE LOURENZÁ E TRABADA FAN UN BALANCE POSITIVO DA XUNTANZA DESTA MAÑÁ NA CONSELLERÍA DE SANIDADE, PORQUE NO HOSPITAL DA COSTA “NON SE VAN PERDER SERVIZOS SENÓN QUE SE INCREMENTARÁN”.
Lourenzá, 20 de marzo de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez, Chao, e o rexedor municipal de Trabada, José Manuel Yanes Ginzo, fixeron un balance positivo da xuntanza que mantiveron está mañá en Santiago con conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, porque “explicou que no Hospital da Costa non se van perder servizos senón que se incrementarán”.
Emma Álvarez manifestou que “a conselleira de Sanidade e o seu equipo resolveron todas as dúbidas que podiamos ter para falar cos nosos veciños porque non se van perder servizos, vanse manter os que hai e incluso hai idea de ampliar novos servizos no Hospital da Costa. Unha vez estea feito o plan director aprobado falarase da ampliación para que eses novos servizos poidan ser palpables pola cidadanía”.
A alcaldesa de Lourenzá preguntoulle á conselleira sobre os Puntos de Atención Continuada (PAC), porque “houbo rumores de que ían desaparecer, pero rotundamente díxome que non, que se van manter os PAC que hai a día de hoxe en toda A Mariña”, comentou Emma Álvarez.
Pola súa banda, o rexedor municipal de Trabada enviou unha mensaxe de “tranquilidade absoluta, que quero transmitir aos meus veciños, porque a área integrada do hospital da Mariña en definitiva o que vai representar vai ser unha potenciación dos servizos, primeiro coa ampliación do Hospital da Costa e a partir de aí a ampliación de servizos no propio centro”.
Por iso Yanes Ginzo manifestou que “a xente ten que estar tranquila, pois o hospital seguirá sendo unha referencia na Mariña, a área sanitaria non desaparece da Mariña, á area integrada o que significa é unha coordinación co hospital de Lugo e o de Monforte, pero en nada vai prexudicar á sanidade da Mariña, máis ben todo o contrario: será potenciada sen dúbida algunha”.
O alcalde de Trabada saíu da xuntanza “moi tranquilo, que xa o estaba por toda a información que viña recabando, pero hoxe deixou moi claro a propia conselleira que hai unha vontade política moi forte de levar a cabo unha ampliación de servizos e falounos dalgúns en concreto que incluso antes da ampliación do hospital se poden levar a cabo no hospital da Mariña para evitar desprazamentos que ás veces resultan incómodos para recibir certo tipo de tratamentos pola falta de espazo que ten o hospital”.