Jaime Cancio Rodríguez, Ana Mª López Campoamor, Mª Ángeles Veiga Varela en representación do grupo Municipal UNIFOZ na Corporación Municipal presentan un rogo ao rexedor en torno ás queixas dos veciños de Vilaronte sobre a falta de alumeado nos días de choiva, ademais doutras deficiencias na zona.
O voceiro de UNIFOZ, Jaime Cancio, apunta que “na parroquia de Vilaronte son moitas as queixas dos veciños que denuncia o abandono no que se encontra esta parroquia, e como exemplo detallamos varias deficiencias. Por unha banda, o centro está sen alumeado dende fai tres días, e a día de hoxe hai da metade para arriba. A Asociación O Castro tamén leva tres días sen luz e a día de hoxe tampouco a ten. A estrada do cemiterio leva catro ou cinco días sen luz, igual que o parque e a igrexa”. “Como resumo, dicir que cada vez que chove falta o alumeado a pesar de ser novo”, conclúe Cancio.
Así mesmo, recorda que o camiño de Minte, Fervenza, está intransitable igual que o Alto do Buxo. Na Baesta todo está cheo de furados, denuncian dende UNIFOZ. “Tamén é necesario reforzar os contenedores na zona da igrexa por ser insuficientes os que agora hai”, apuntan.
Por todo o exposto os edís de UNIFOZ rogan que se atenda a demanda dos veciños e se proceda a corrixir as dificultades expostas.