Burela, 5 de abril de 2013. A Delegación de Medio Ambiente está a colaborar coa Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e Sogama na campaña Ponte as pilas polo medio ambiente, que ten como finalidade incentivar a participación cidadá na segregación de residuos de pilas.
A concelleira Patricia López Eijo anunciou que “nos vindeiros días procederase a distribución de mini colectores ecolóxicos cos que facilitaremos a recollida fraccionada de pilas. O obxectivo é que estes refugallos sexan xestionados conforme á normativa vixente, minimizando o seu impacto sobre o medio ambiente e a saúde pública”.
A concelleira de Medio Ambiente sinalou que “os veciños de Burela poderán depositar as pilas usadas nas seguintes ubicacións: na Casa do Concello, na Casa da Xuventude, no Centro de Formación Ocupacional, na Biblioteca, na Oficina de Medio Ambiente, nas dependencias de Protección Civil, no Centro de Drogodependencias, na oficina de Espina e Delfín, nos centros educativos, e tamén nos seguintes supermercados: Claudio Dayampry, Gadis, Maxi Día, Please Plass”.
E engadiu que “asemade durante a tempada de baños os colectores para o depósito de pilas estarán dispoñibles nas casetas de socorristas das praias de A Marosa e Portelo e na Oficina de Turismo da zona portuaria”. López Eijo lembrou que “tamén se pode facer uso do punto limpo municipal para o depósito de pilas”.
Convén lembrar que as pilas están compostas por diferentes metais pesados e deben de ser consideradas como materiais perigosos. Polo tanto, trátase dun residuo que precisa dun tratamento concreto, debendo evitarse que poida ser mesturado con outros refugallos e garantir desde xeito unha xestión independente. Unha soa pila de botón, fabricada con óxido de mercurio, pode chegar a contaminar ata 600.000 litros de auga, unha cantidade superior á que bebe unha familia de catro persoas durante toda a súa vida”.