O mes de maio comeza con intensa actividade na axenda do Modelo Burela, que organiza actividades de carácter literario e musical. O escritor madrileño Matías Escalera participará en diversos eventos de divulgación da lectura e o grupo vocal “Son de Nós” –dirixido polo viveirés Plácido Travieso- ofrecerá na Igrexa da Vila do Medio o concerto “Os Camiños da Lingua”.
As actividades comezarán o próximo xoves, día 2 de maio, coa participación de Matías Escalera nunha sesión extraordinaria do Club de Lectura de Burela que se reúne na Biblioteca Municipal. O escritor comentará diversos aspectos da súa obra cun público que durante estes días estivo lendo unha de recente publicación, o volume de relatos titulado ‘Historias de este mundo’ (Baile del Sol. Tenerife. 2011).
O mesmo escritor manterá encontros co alumnado de bacharelato dos institutos da localidade. A primeira cita será o venres, día 3, ás 9:20 horas, no IES Monte Castelo, nun acto coordinado polo profesorado de Lingua Castelá, en colaboración co Equipo de Dinamización Lingüística. Pola súa parte, no IES Perdouro a cita será ás 12:20, nun acto de semellantes características, neste caso coordinado pola profesora María Dolores Reimunde (do departamento de Lingua Castelá) e pola vicedirectora, Karina Parga.
O mesmo venres, ás 20:00 horas, o acto de animación á lectura celebrarase na Libraría Nobel (Espazo Lector), onde –ademais da do autor- se conta coa presenza de representantes do Proxecto de Innovación Lingüística e do Club de Lectura así como da profesora Julia María Labrador Ben (docente da área de Literatura na Universidade Complutense, membro do Consello Asesor da revista Árbor, do Consello Superior de Investigacións Científicas e vicesecretaria do Instituto de Estudios Madrileños).
No Camiño da Lingua (Concerto Modelo Burela)
O sábado día 4, ás 9 da noite, a Igrexa da Vila do Medio de Burela converterase nun auténtico paraíso para melómanos. O Grupo Vocal Son de Nós ofrecerá, coas pinturas medievais como privilexiado tapiz de ambientación, un concerto que leva por título “Os camiños da Lingua” e co subtítulo “Concerto Modelo Burela”.
Unha vez máis, coa interculturalidade como fío condutor, o Modelo Burela continúa fomentando a comunicación entre escola e sociedade, e neste caso faino a través do labor de músicos profesionais.
Son de Nós, un septeto vocal dirixido polo maestro viveirés Plácido Travieso Fernández (Viveiro, 1972), preséntase en Burela despois dos éxitos recollidos en diversas actuacións, entre elas tres na Mariña: na Igrexa do Vicedo, no Conservatorio de Música de Viveiro -con motivo da presentación dun novo libro do escritor Séchu Sende- e na Semana Santa da parroquia de San Martiño.