O SERGAS CREA A FIGURA DO XERENTE EXECUTIVO DA ÁREA SANITARIA DA MARIÑA CON MAIORES COMPETENCIAS E MÁIS CAPACIDADE DE DECISIÓN
A Mariña lucense, 05 de abril de 2013.- A publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia do Decreto de Xestión integrada das tres áreas sanitarias lucenses vén a resolver moitas das distorsións interesadas que desde distintos ámbitos –e con finalidades políticas- viñan efectuando como crítica a este novo modelo de xestión sanitaria.
Apoiándose na nova normativa os populares lamentan o alarmismo que está xerando a oposición entre a cidadanía desta comarca e aseguran que a Xunta de Galicia mantén á Mariña como área sanitaria propia tal e como prometeu. O Decreto deixa claro que non se modifica o mapa sanitario e que continúan plenamente vixentes e operativas as tres áreas sanitarias lucenses: a da Mariña (coa denominación oficial de área sanitaria de Cervo), Lugo e Monforte.
XERENTE EXECUTIVO
O Decreto publicado hoxe crea tamén unha nova figura a o “Xerente Executivo” da Mariña que verá reforzadas as súas competencias. Desde o seu despacho sito no Hospital de Burela xestionará todos os recursos de atención especializada (hospital) e primaria (centros de saúde) da Mariña, estes últimos dirixidos antes desde Lugo.
O Xerente Executivo da Mariña, xestionará todos os servizos sanitarios de todos os concellos do ámbito de influencia do hospital, que son os de: Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove
UN XERENTE CON MÁIS CAPACIDADE DE DECISIÓN
A normativa publicada hoxe di que en todo o non regulado expresamente aplicarase o disposto no Decreto 168/2010, do 7 de outubro que no seu artigo 13 establece as Funcións e competencias da figura do novo Xerente Executivo.
Atendendo a normativa podemos asegurar que o Xerente Executivo da Mariña non só verá reforzadas as súas competencias senón que incluso terá máis capaciade de decisión: en materia de persoal, en materia de xestión económica e orzamentaria e de atención aos pacientes.
De feito o artigo 13 establece que este novo Xerente Executivo exercerá entre outras as seguintes funcións:
– Xestionará a demanda asistencial tanto de atención primaria, como especializada como sociosanitaria.
– Asumirá a responsabilidade do gasto: En materia de persoa, gastos xerais da área sanitaria e farmacia
– Asumirá a responsabilidade da xestión de todos os recursos asignados ao seu ámbito de competencias para garantir a prestación dos servizos definidos na carteira de servizos.
– Executará os plans de calidade, seguridade e atención ao cidadán no seu respectivo ámbito.
– Atenderá as reclamacións e queixas verificando que o proceso se cumpre en tempo e forma.
– E impulsará e fomentar a investigación, o desenvolvemento, a innovación e a transferencia de coñecemento sanitario no seu respectivo ámbito.
O NOVO RETO
O Xerente Executivo da Mariña terá ademais de levar adiante a ampliación do Hospital da Costa, un dos obxectivos impulsados polo actual Goberno galego, logo de que o Consello da Xunta avalara e o Diario Oficial de Galicia publicase a licitación do Plan Director, para o que se destinana 142.000 euros nesta anualidade.
Por primeira vez na historia da Mariña o Goberno galego inicia os trámites necesarios para facer realidade a tan necesaria e esperada ampliación integral deste centro hospitalario sito en Burela, o que permitirá que incorpore novos servizos como os de oncoloxía ou cirurxía vascular, un hospital de dia ou una unidade máis ampla de diálise, ademais de manter por suposto as unidades de maternidade e neonatos.
MENOS DESPRAZAMENTOS E MÁIS SERVIZOS
Os populares insisten finalmente que a Xestión Integrada ten demostrado alí onde se aplica (Ourense, Barbanza, Ferrol) que achega máis servizos ao pacientes e que evitará desprazamentos a Lugo, e polo tanto negan con rotundidade que vaia a reducirse a capacidade de atención do Hospital da Costa.
A experiencia das estruturas de Xestión Integrada en funcionamento, como é o caso de Ourense, teñen demostrado que nos hospitais comarcais non só non se ten eliminado ningún servizo ou unidade, senón que se ampliou a carteira de servizos sen que teñan que desprazarse os pacientes.
Así por exemplo no Barco, dende que se estableceu a Estrutura de Xestión Integrada desprázanse especialistas de neuroloxía e dixestivo, e son os especialistas en dixestivo os que fan alí as endoscopias. Ademais, achegáronse as unidades de quimioterapia e diálise ao domicilio do paciente e potenciouse a telemedicina con consultas de telecardio e telenefroloxía; así cando por algunha incidencia hai necesidade de cubrir a un profesional faise de forma áxil, como ocorre coas consultas de cardioloxía.