Un centenar de persoas, o 70% delas desempregadas, iniciarán a vindeira semana cinco novos cursos do plan de emprego Fórmate en Verde, impulsado pola Deputación de Lugo con fondos europeos para xerar postos de traballo e fixar poboación no rural. O perfil dos alumnos que arrancan as novas accións formativas sobre produción ecolóxica é o dun home que se atopa no paro, de entre 25 e 40 anos de idade, e con terras en propiedade que pode dedicar á produción ecolóxica. A práctica totalidade posúe estudos, na súa maioría básicos, aínda que destaca a presenza de mozos con titulacións universitarias, como enxeñería agrónoma, licenciatura en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, ou mesmo Arquitectura ou Socioloxía.
O feito de que a gran maioría sexan desempregados e que posúan terras propias significa que este programa, non só servirá para consolidar ou reconverter explotacións xa existentes, senón que confirma a súa verdadeira capacidade de inserción laboral.
As novas accións formativas
Os cursos do Fórmate en Verde que arrancan a vindeira semana son os seguintes:
– O luns, día 8, empezan dous cursos presenciais de agricultura ecolóxica, que continuarán ata o 21 de maio, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Un deles, con 25 alumnos, impártese na Casa da Cultura de Ribadeo, e outro, con 22 participantes, no Edificio Multiusos de Chantada.
– O martes, día 9, comezan dous cursos de gandería ecolóxica, con 18 inscritos cada un. A Granxa Gayoso Castro acollerá un deles ata o 20 de xuño, en horario de 10:00 a 14:00 horas. O outro será on line e rematará o 9 de xullo.
– Entre o próximo mércores, 10 de abril e o 29 de maio, impartirase un curso a distancia de xestión forestal con 18 participantes.
Estas 5 novas accións formativas, que reúnen a 101 alumnos, engádense ós 4 cursos con 81 alumnos que dende mediados de marzo se están a impartir en Viveiro, Castro de Rei e Monforte de Lemos no marco do Fórmate en Verde.
Toda esta información, así como a listaxe de participantes, pódese consultar na páxina web da Deputación www.deputacionlugo.org
Os interesados aínda poden anotarse
As persoas interesadas en beneficiarse desta oportunidade de futuro poden en calquera caso seguir anotándose, pois o proxecto conta con un mínimo de 900 prazas e as seguintes accións formativas iniciaranse de maneira progresiva, a medida que se vaia completando a selección e organizando os grupos. Para anotarse deben entrar en www.deputacionlugo.org escoller a actividade na que queren formarse, cubrir o formulario correspondente e envialo dende a propia web. Cada persoa só pode solicitar un curso de cada sector ofertado: gandería e agricultura ecolóxica, e xestión forestal sostible.
Desta oportunidade de futuro poden beneficiarse desempregados, emprendedores, mozos, agricultores, gandeiros e estudantes de toda a provincia, excepto os censados no Concello de Lugo, pois son destinatarios doutros programas europeos.