O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este mércores o I Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais InLugo, un encontro que reunirá a elite de Internet na capital lucense os días 7 e 8 de xuño, situando á provincia luguesa á vangarda en materia de coñecemento e formación no ámbito dixital. Gómez Besteiro destacou que “trátase dunha aposta pola economía do coñecemento que, xunto á vinculada co sector agrogandeiro e a cooperación cos Concellos, forman a columna vertebral desta institución. Baixo o eslogan “Internet cerca de ti”, este congreso aspira a converterse no principal encontro de referencia en Galicia. A nosa Comunidade non conta ata a data cun encontro tecnolóxico das características que terá este, sen dúbida un escaparate de excepción para a promoción económica e turística da provincia e Galicia”.
Máis de 30 recoñecidos profesionais en España, de sectores como o xornalismo, turismo, tecnoloxía, emprego, marketing online ou acción social, cuxos blogs e redes sociais contan con miles de seguidores, compartirán nesta cita o seu coñecemento a través de varias ponencias e debates, nos que abordarán os cambios nos hábitos, mentalidades, formas de comunicación e estilos de vida que está provocando Internet na sociedade.
Tamén haberá espazo para a innovación e o emprendemento, coa presentación de proxectos nos que se empregan as redes sociais como medio de expresión e negocio, ou cunha mesa redonda na que se abordará como a Rede pode impulsar empresas ou produtos. O titular provincial explicou que como colofón, este pioneiro encontro acollerá a entrega dos Premios INLUGO, “cos que esta Deputación recoñecerá o labor que están a realizar empresas lucenses no ámbito dixital”.
Un encontro gratuíto e aberto ó publico
O Presidente explicou que esta cita reunirá a un público heteroxéneo para conversar sobre o significado que ten a Rede nas súas vidas, “contribuíndo a diminuír a fenda dixital na nosa provincia e proporcionando unha grata experiencia a todos os asistentes e participantes mediante diferentes actividades formativas e lúdicas. Trátase dun encontro totalmente gratuíto e para todos os públicos, cun primeiro aforo limitado de 160 persoas, que é a capacidade do Salón de Actos do Pazo Provincial, e un segundo aforo doutras tantas que o seguirá en directo dende o Salón de Pleno da Deputación. Por este motivo, é necesario a previa inscrición neste congreso. Todos os interesados poderán formular a súa solicitude a partires do próximo martes, 21 de maio, na páxina web www.inlugo.com ou ben en www.deputacionlugo.org. Para a participación, respectarase rigorosamente a orde de entrada das inscricións.
Ademais, todos os interesados poderán seguir as actividades deste pioneiro Congreso a través de Internet grazas á colaboración dos profesionais da Fundación TIC, que se encargarán da súa emisión en streaming.
Cofinanciado un 80% pola Unión Europea
Na presentación deste congreso, Gómez Besteiro estivo acompañado polo Director de Fondos Europeos da Deputación, Pablo Rivera, ó tratarse dunha iniciativa cofinanciada nun 80% pola Unión Europea. Rivera adiantou o nome dalgúns dos expertos nacionais que se darán cita en Lugo o 7 e 8 de xuño. Entre eles atópanse: Mario Tascón, especialista en medios dixitais e redes sociais, así como ex director de elmundo.es e elpais.com; Sebastián Muriel, responsable de expansión internacional de Tuenti e ex director de Red.es (organismo estatal encargado do fomento de Internet e novas tecnoloxías); Óscar Reboiras, licenciado en periodismo e responsable do departamento de comunicación do operador galego de telecomunicacións R; Francisco Polo, un dos puntais do activismo na Rede, fundador de Actuable e director de comunicación de Change.org; Javier Pedreira (más coñecido como Wicho) fundador e autor de Microsiervos, o blog español máis popular da historia, ou Alfonso Alcántara (Yoriento), especialista en persoal branding, motivación e emprego 2.0.
InterQué
A institución organiza este encontro coa apoio organizativo de InterQué, entidade integrada por profesionais cunha amplia traxectoria das Novas Tecnoloxías da Información, ligados a Internet dende hai máis dunha década, que están detrás do desenvolvemento de proxectos de éxito como Bitacoras.com, a maior rede social blogger do mundo hispano, con máis de 350.000 usuarios rexistrados e máis de 1 millóns de blogs indexados; ou Laburo, o 1º metabuscador hispano de emprego.



















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.



