A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, da que forma parte a Plataforma de Defensa Sanitaria na Mariña, posiciónanse en contra da Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias que o executivo galego aprobará proximamente.
O Goberno de Núñez Feijóo vai aprobar, grazas á maioría absoluta, a denominada Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias destinada, teóricamente, a fixar un máximo de 60 días de espera para intervencións quirúrxicas e 45 para consultas e proveas diagnósticas; posibilitar a libre elección de médicos, enfermeira e hospital; acceso a unha segunda opinión medicas sobre determinadas enfermidades; posibilidade de manifestar instrucións previas; e a recibir información sobre dereitos e deberes dos pacientes.
1.- A Lei é innecesaria e supón un refrito lexislativo, xa que todas estas medidas están recolleitas e garantidas en múltiples leis Estatais e Autonómicas plenamente vixentes, entre elas a Lei Galega de Saude.
2.- A única novidade é que acurta o tempo en lista de espera facilitando aos pacientes que superen os límites de tempo a ir a un centro privado e que os custos sexan pagados con diñeiro público. A Xunta sabe que os tempos fixados son imposibles de levar á práctica cos actuais recursos , sobre todo tralos recortes de persoal e da actividade dos centros públicos pola tarde que fixeron crecer de xeito importante os tempos de espera (por poñer un exemplo en Vigo o 68% dos pacientes espera máis dunha ano e o 22,8% máis de dous , cun crecemento do 63,9%). Nin hai diñeiro nin os centros privados poden absorber o volume de actividade necesaria para iso. A Lei só beneficiará a determinados pacientes ricos (que poderán permitirse o luxo de adiantar o pago das intervencións e esperar a que o sistema devólvallas) e centros privados que recibisen diñeiro público para os seus negocios empresariais.
3.-A Libre elección xa está recoñecida desde fai anos. A única novidade é a elección de enfermeira e de hospital en toda a Comunidade Autónoma, que ademais de atentar contra a planificación e a estrutura de equipos en Atención Primaria, ten como obxectivo abrir o espazo de toda a CCAA ao mercado e a competencia, seguindo o exemplo de Madrid onde desapareceron as 11 áreas sanitarias para dar entrada a empresas sanitarias multinacionais. As áreas sanitarias son necesarias para planificar e garantir unha distribución equitativa e racional dos recursos , e sobran nun modelo de mercado gobernado pola oferta e a demanda, que o actual goberno da Xunta pretende impoñer. .
4.- O dereito á unha segunda opinión, instrucións previas e información sobre dereitos e obrigacións xa está recoñecido de xeito exhaustiva polo ordenamento vixente.
En resumo unha lei trampa (puro marketing político), destinada a mellorar a imaxe dunha administración deteriorada polos recortes, destinada a abrir espazo ao mercado privado, e que suscita medidas imposibles de cumprir dados os recortes e as subidas nas listas de espera en Galicia.