Ribadeo, 9 de maio de 2013. Hoxe ábrese a inscrición para participar nas Escolas Deportivas de Verán do Concello de Ribadeo, que están dirixidas a nenas e nenos nados entre os anos 1998 e 2005. As modalidades que se impartirán son: surf, pesca deportiva, piragüismo e vela. Todas as escolas teñen límite de prazas, polo que os/as empadroados/as ou escolarizados/as en Ribadeo terán preferencia.
Na escola de pesca deportiva, que dará comezo o 1 de xullo, ofértanse 20 prazas. No caso da vela son 15 as prazas ofertadas. Esta escola desenvolverase en xuño e xullo ao igual que a escola de surf da que se ofertan 20 prazas. A escola de piragüismo conta con 20 prazas. Esta impartirase en xuño, xullo e agosto.
As inscricións poderán realizarse desde hoxe, de luns a venres de 9 a 14 horas e de luns a xoves de 16 a 20 horas na Casa da Xuventude. Os interesados poden obter máis información chamando ao seguinte número de teléfono 982 129 889.
As Escolas Deportivas de Verán están organizadas polo Concello de Ribadeo a través da Concellaría de Deportes e da OMIX e contan coa colaboración da Área de Deportes da Deputación de Lugo, o clube de piragüismo Altruán, Hola Ola Surfescola, o clube de pesca Cormorán e o Real Club Náutico de Ribadeo.