Compromiso por Galicia rexeita a proposta do Partido Popular de recortar o número de deputados no Parlamento de Galicia co argumento de aforro e austeridade.
Iván Marrube, portavoz de Compromiso na Mariña explica que o PP pretende “reducir a proporcionalidade entre as circunscricións, dificultando a expresión parlamentaria de pluralidade, tratándose en definitiva, dun recorte á democracia”.
Dende a formación galeguista propoñen a redución do salario e dietas dos deputados e deputadas do Parlamento en 2.000 euros mensuais, a redución dun 25% das subvencións aos distintos grupos parlamentarios, tanto no funcionamento interno como na contratación de persoal de confianza, e a redución dun 30% da partida orzamentaria de gasto corrente. Así, Marrube explica que o aforro suporía mensualmente 330.000 Euros, polo que o PP non tería que empregar a escusa da austeridade para “mermar a democracia”, e “con esta proposta pódese aforrar dende este mesmo momento, e non esperar ao aforro en deputados do 2016 ou para as vindeiras eleccións autonómicas”.