En 2009, Pascual, atendendo aos seus intereses empresariais, desfacíase da planta de envasado de leite en Outeiro de Rei. Un importante número de cooperativas galegas, algunha delas xa con experiencia na comercialización, mostrou o seu interese en facerse coa fábrica e, aínda que parecía a oferta máis viable, non foi a opción que finalmente callou. “Despois do veto por parte da Xunta de Galiza á maioría destas cooperativas, constituíase a empresa Alimentos Lácteos dacordo cos intereses partidistas do Partido Popular, onde o poder de decisión quedaba baixo dúas cooperativas Gancobre e A Arzuana, dirixidas por persoas directamente vinculadas ao propio PP”, recordan dende a Federación Rural Galega.
Despois de tres anos e medio de vida, este proxecto “deixa tras de si unha serie de sospeitas: a empresa ten presentado o preconcurso de acredores recoñecendo perdas de
15 millóns de euros, despois de ter fundido 9 millóns de axudas públicas sen que a propia Xunta, responsable como é de fiscalizar as subvencións que asigna, nin sequera teña esixido unha simple auditoría para coñecer a súa situación económica”, segundo apuntan dende a FRUGA.
Así mesmo, dende a organización sindical teñen en conta que “esta situación tamén afecta ao sector produtor; xa que, por unha banda, Alimentos Lácteos estableceu unha estratexia de posicionamento no mercado baseada na oferta de prezos baixos á distribución, o que supuxo primeiramente unha baixada de prezo do leite aos/ás seus/súas subministradores/as e por extensión, posteriormente, axudou á baixada que se produciu no conxunto do sector produtor. E, por outra banda, a propia empresa contraía débedas con preto de 1000 produtores/as que entregaban o leite ás cooperativas que forman parte de Alimentos Lácteos”.
Desde FRUGA veñen demandando desde hai ben tempo responsabilidades políticas, e penais se as houbera, así como solucións para garantir o mantemento da actividade na planta de Outeiro de Rei. E, do mesmo xeito, tamén esixen que se salden as débedas adquiridas cos/as produtores/as.
“A Xunta debe actuar de inmediato, non queda máis marxe de tempo, restan semanas para que se tome unha determinación: ou ben Alimentos Lácteos presenta un plan de viabilidade ou ben entra en concurso de acredores”, recordan dende a FRUGA. “As decisións que a Administración Galega tome deben ir encamiñadas cara unha necesidade á que Galiza non debe renunciar: a creación do Grupo Lácteo Galego”, suxiren.
Ademais, engaden que a Xunta debe garantir a continuidade da planta, fomentando un plan de viabilidade onde, de establecerse reducións nos custos de produción, non sexan en base a unha baixada de prezos ao sector produtor, é dicir, garantindo que non se cometan abusos a un sector xa de por si castigado.
En lugar diso, denuncian dende a FRUGA que “Núñez Feijoo está desaparecido. Aínda que puidera ser mellor así, visto o que aconteceu co naval galego, no que pasou de ser o seu salvador cuns supostos contratos que ían levantar o sector, pasou a directamente a desmantelalo. Esperemos que non volva facer das mesmas e que pretenda desarmar o sector leiteiro galego para que pasemos a consumir leite en po mexicano”, advirten.