Barreiros, 3 de maio de 2013. Ata 45 baches contabilizou o equipo de goberno de Barreiros na estrada provincial LU-P0610, que discorre pola costa e que é titularidade da Deputación de Lugo. O alcalde, Alfonso Fuente, e o concelleiro e deputado provincial, José Manuel Gómez Puente, así o constataron nas últimas semanas e cualificaron hoxe de vergonzosa esta situación.
O rexedor sinalou que “esta estrada atópase practicamente intransitable. Os condutores teñen que ir esquivando os 45 baches que contabilizamos nela co risco que iso lles pode supoñer a eles, aos ciclistas ou aos viandantes que pasan por esta vía”. Fuente Parga dixo que “as estradas provinciais están sen desbrozar desde hai moito tempo e agora a súa situación agrávase con todos estes furados. O inverno foi moi duro, a estrada é moi transitada durante todo ano polos barreirenses e toca arranxala, que é o que lle demandamos á Deputación Provincial, que se preocupe de ter as vías que son da súa competencia en perfecto estado”.
O alcalde de Barreiros e o concelleiro José Manuel Gómez Puente denuncian tamén “a situación na que se atopa a estrada que vai de Barreiros a Trabada na zona da Insua. Nese treito está destrozada e a Deputación nin fixo rebacheos nin nada nela e os veciños estanse a queixar un día si e outro tamén do estado da mesma”.
Fuente Parga indicou que “nós desde o Concello estamos a facer traballos de mantemento nas estradas locais e consideramos que de xeito urxente a Deputación de Lugo ten que facer o mesmo. Xa tivemos que aguantar durante meses que non desbrozasen nada e tamén a presenza de todos estes furados, polo que vai sendo hora de que a institución provincial tome cartas no asunto”.