Burela, 14 de maio de 2013. O alcalde, José Mª González Barcia, anima aos veciños e veciñas da vila a acudir á recepción oficial que o Concello lle ofrecerá ao Burela FSF despois de proclamarse campión de liga da división de honra do fútbol sala feminino. Será o vindeiro xoves, 16 de maio, ás 20:30 horas no Concello.
O rexedor explica que “pasado mañá, xoves, ás oito e media da tarde vai haber unha recepción oficial, tal e como estaba previsto, por parte do Concello de Burela ás xogadoras, adestrador, corpo técnico, presidente, xunta directiva e patrocinadores do equipo Burela Fútbol Sala Feminino Pescados Rubén con motivo de terse proclamado campioas de liga de división de honra do fútbol sala feminino a nivel nacional o pasado sábado nese encontro, que xa non se nos borrará das nosas retinas, celebrado no pavillón Vista Alegre”.
González Barcia convida “a tódolos cidadáns e a tódalas cidadás a asistir á Praza do Concello o próximo xoves ás oito e media da tarde para participar de forma directa nesta recepción oficial ás xogadoras, que vai consistir fundamentalmente na entrega por parte do Concello, en representación de tódolos veciños e veciñas, dunha placa alusiva a este importante feito eu xa diría que histórico para o deporte burelés, para o deporte lucense e para o deporte galego. Farase entrega tamén da figura institucional do Concello de Burela como agradecemento de tódolos cidadáns e de tódalas cidadás a estas xogadoras, ao seu adestrador, corpo técnico, etcétera polo histórico logro que teñen acadado o pasado sábado”.
O alcalde engadiu que “para nosoutros é unha honra poder contar cun equipo que ten chegado a cotas tan altas e creo que a nosa obriga é, sexamos ou non afeccionados ao deporte, sexamos ou non afeccionados ao fútbol sala, recoñecerlles a estas xogadoras o enorme mérito e a importancia do feito histórico que teñen conseguido. Polo tanto convido a tódolos veciños e veciñas a participar de forma activa nesta recepción ao club o próximo xoves ás oito e media da tarde na Casa do Concello”.