Burela, 10 de maio de 2013. O alcalde, José Mª González Barcia, subliña a promoción que supón para Burela o VII Encontro de Palilleiras que terá lugar mañá, 11 de maio, na nave de redes. Ao evento, que organizan a asociación As Encaixeiras e a Fundación Expomar, asistirán máis de 600 mulleres chegadas desde diferentes puntos da xeografía galega.
O rexedor dixo que “para o Concello isto é un motivo máis que suficiente para tratar de axudar na medida das nosas posibilidades a este colectivo de mulleres que o que está a facer é promocionar unha actividade cultural que ten moito que ver co medio mariño, de aí a participación da Fundación Expomar na organización”. González Barcia engadiu que “tamén se busca promocionar ao noso concello coas distintas visitas que se organizan. Desde o Concello colaboramos con medios físicos, cos nosos recursos humanos, na organización deste importante evento”.
O alcalde burelés recoñece publicamente “o esforzo, a dedicación e o traballo realizado pola directiva da asociación de mulleres palilleiras As Encaixeiras. Desde o equipo de goberno queremos animalas a que continúen nesa liña. Sei que o mundo do asociacionismo non pasa polos seus mellores momentos, sei que é sumamente complicado atopar recursos económicos, pero o que sí lles podo dicir é que elas van contar coa axuda do Concello na medidas das nosas posibilidades, tal e como vimos facendo xa o ano pasado e este, e elas o saben perfectamente”.
Ás 10 da mañá terá lugar a recepción das palilleiras participantes, de 10:30 a 13:00 haberá unha demostración dos traballos realizados. Ás 11:30 será a inauguración do encontro e ás 12:00 horas desenvolverase unha degustación de empanada de pescada. Pola tarde a partires das 16 horas nova demostración de traballos e a clausura será ás 19 horas. O programa do VII Encontro de Palilleiras inclúe visitas ao Monte Castelo, á igrexa de Vila do Medio, ao barco museo Reina del Carme e ao museo histórico.