O PP, incluído o Deputado pola Mariña Jaime de Olano, votou en contra de derrogar o decreto que impón a quita para as aforradoras e aforradores estafados polas preferentes, consolidando así o roubo a miles de persoas da nosa comarca.
A Mariña, 29 de maio de 2013. Desde o BNG da Mariña denuncian a hipocrisía do PPdG e a traición á que as deputadas e deputados do Partido Popular están sometendo a todas as persoas afectadas polas preferentes e subordinadas.
No día de onte, debatéronse dúas proposicións do BNG que pedían a derrogación do decreto aprobado polo goberno do Estado no que se impón a quita para as persoas afectadas polas preferentes (unha no Parlamento galego e outra no Congreso dos Deputados) nas que o Partido Popular votou de diferente xeito en Galiza e en Madrid. Mentres no debate que se produciu na cámara galega, as e os representantes do PP víronse forzados a apoiar esta cuestión, en Madrid sentíronse libres para actuar e votaron en contra da proposta. Para a Responsábel Comarcal do BNG na Mariña, Ana Ermida, “a diferente postura adoptada polo PP resposta á presión cidadá á que están sometidos: mentres na Galiza non lles queda máis remedio que apoiar que se lles devolva a estas persoas o 100% dos seus aforros, en Madrid, libres da presión social que existe no noso país, votan libremente a favor da banca e en contra das galegas e dos galegos.”
Neste sentido, desde o BNG da Mariña mostran -como xa fixeron en diversos actos en Ribadeo, A Pontenova ou en Viveiro, a onde acudiu o Portavoz Nacional da Fronte, Xavier Vence- “o seu apoio a todas as persoas afectadas por estes produtos e anímanas a que se organicen e se mobilicen para reclamar o que é de xustiza: a devolución íntegra dos seus aforros, despois de que foran primeiro estafadas pola banca e despois roubadas polo goberno.” Ermida insistiu na mensaxe que veñen lanzando en todas as súas aparicións públicas e actos sobre esta fraude: “o Partido Popular está cometendo un roubo ás persoas que primeiro foron estafadas pola banca e ese roubo fano para favorecer á banca. O PP prefire defender á banca e ao grande capital que defender ás súas veciñas e veciños. Este roubo ten culpables e, quen apoia a quita, apoia o roubo.”
A portavoz nacionalista referiuse concretamente ao Deputado pola mariña, Jaime de Olano, ao que lle pediu “dignidade e que acuda a Madrid non só a xustificar o salario, senón que o faga para defender ás súas veciñas e veciños. En toda a Mariña hai miles de persoas afectadas ás que o Partido Popular está deixando sen os seus aforros e ás que Jaime de Olano está roubando cando aproba a quita para o seu diñeiro.”
A Xornada Europea contra a Troika, unha oportunidade.
Desde o BNG animan a toda a cidadanía a participar na Xornada Europea contra o roubo da Troika, da banca e do Partido Popular no acto que se celebrará o vindeiro sábado, 1 de xuño ás 12:30 na Praza de Abaixo de Ribadeo. Nesta ocasión, fan un chamamento especial para que as persoas afectadas polas preferentes acudan a manifestarse, creando así unha presión social tamén na Mariña que poida forzar un cambio de actitude no PP. Está claro, afirmou Ermida, “que o Partido Popular móvese pola lei da acción-reacción e só cando existe un movemento social importante e cando se senten presionados, cambian as súas posturas como aconteceu no Parlamento de Galiza”. Por iso, “temos que mobilizarnos, que crear unha grande resposta da maioría social que faga mudar as políticas continuas de roubo á que estamos sometidas cada día”, conclúen os nacionalistas.




















A mostra reúne unha ampla selección de obras inspiradas na vida, a paisaxe e a identidade mariñá. O acto inaugural celebrarase o domingo 29 de marzo ás 18:00 horas e contará cunha actuación especial da chelista Amanda López López.
O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



