Burela, 24 de maio de 2013. O alcalde, José Mª González Barcia, mantivo esta mañá no Concello unha xuntanza coa delegación da República de Cabo Verde que está en Burela visitando a feira monográfica Expomar. Ao encontro asistiron representantes da administración de Cabo Verde, da autoridade portuaria dese país e dunha fundación de feiras caboverdiana: Antonio Carlos Tabares, Juvino Vieira, Jorge Pimenta Mauricio e Luis Jardoso, ademais de Antonio Basanta, xefe do gabinete da Consellería do Medio Rural e do Mar, Xusto Eijo, un armador burelés que traballa con Cabo Verde, e a xerente da Fundación Expomar, Catalina Sánchez Luengo. O obxectivo desta xuntanza foi “estudar a colaboración que pode haber entre o Concello de Burela e a Fundación Expomar e a República de Cabo Verde para organizar nese país unha feira pesqueira similar á que se celebra en Burela”.
O rexedor explicou que “do que se trata é de busca un ámbito de colaboración e Cabo Verde, o Concello de Burela e a Fundación Expomar xunto co sector pesqueiro e empresarial e mesmo coa Xunta de Galicia. A idea que ten a delegación de Cabo Verde é que desde aquí se preste toda a colaboración posible en base a contactos, axuda técnica… envorcar a experiencia que temos nós como organizadores de feiras pesqueiras cara Cabo Verde”. González Barcia dixo que “ese é un país que está despegando economicamente polo que precisan de axuda e colaboración externa. De feito mediante un crédito FAD están a facer o porto de Mindelo, e alí queren buscar un fórmula de xestión privada. A nós parécenos interesante que Burela poida estar presente en Cabo Verde”.
Para o alcalde burelés “esta é unha fórmula máis de colaboración e de irmanamento entre o Concello de Burela e Cabo Verde. Non hai que esquecer que en Burela viven moitos caboverdianos desde mediados da década dos 70, hai aproximadamente 40 anos, e loxicamente interésanos moito poder colaborar co noso sector pesqueiro que faena en augas de Cabo Verde e que fai base naquel país”.
González Barcia entende que “como primeira toma de contacto hai que valorala de forma moi positiva. Esta primeira aproximación haberá que concretala. Xa lles plantexou claramente que a situación económica que hai en España non nos permite grandes alardes en canto a inversión directa nin do Concello nin de Expomar en Cabo Verde, pero esa colaboración pasar por exemplo por establecer unha especie de asesoría técnica para que desde aquí se lles brinde a eles todo o apoio que precisen. O de hoxe foi un primeiro achegamento e confiemos en que se concrete. Non me aventuro a facer pronósticos porque haberá que falar dos distintos intereses das partes implicadas e poñelos de acordo, aínda que en principio a intención nosa sí é a de colaborar coa República de Cabo Verde para potenciar unha feira pesqueira alí, poñela en marcha e dinamizala”.