Mondoñedo, 29 de maio de 2013- En relación a articulación de ceder de novo o refuxio de Argomoso á Federación de Espeleoloxía, unha vez rematado o prazo de explotación do inmoble por esta agrupación; a voceira dos populares, Elena Candia, cualifica de “moi importante” que non se articule a cesión do uso deste inmoble ata que os veciños e a Federación de Espeleoloxía firmen o acordo.
Os populares defenden “o seu uso preferente para os veciños da parroquia”, e así plantexan o deseño dunha “fórmula de intercambio, como pode ser o deseño dun regulamento de uso”, que permita que os veciños teñan información de xeito transparente sobre a utilidade que se lle está a dar ou eles lle poden dar ao refuxio.
No mesmo senso, a popular propón unha cesión por un tempo de cinco anos, prorrogable a outros cinco e que tamén defenden os veciños. Así, asegura ter constancia que dende o equipo de goberno se está a xerar a expectativa de destinar outro local na aldea do Vilar (que se está a rehabilitar a través do obradoiro de emprego concedido pola Xunta de Galicia) a este fin. De ser posible esta idea, é “máis axeitado se cabe este articulado de cesión por un período de cinco anos, prorrogable a outros cinco”.
A portavoz do PP lembra que o seu grupo mantivo este domingo unha reunión cos veciños de Argomoso para tratar este tema, ao tempo que tamén mantivo contactos con membros da Federación de Espeleoloxía.