CERVO, 24 DE MAIO. Este verán ningunha praia do Concello poderá lucir a bandeira azul, os socialistas de Cervo subliñan que “por segundo ano consecutivo o noso municipio carece de bandeiras azuis. Hai uns anos comezábamos a perder algunha delas e dende o 2012 quedamos sen ningunha, alertamos da situación ó goberno e este ano volve a suceder o mesmo”.
Moitos concellos de A Mariña presumen hoxe de ter conseguido estes distintivos, dende o Grupo Municipal Socialista pregúntanse “qué algo tan importante está a facer o noso equipo de goberno para non preocuparse nin o máis mínimo de conseguir este tipo de galardóns claves para unha boa proxección turística do noso concello. O único que demostran unha vez máis é a deixadez e a desidia que os caracteriza”.
Engaden que “son moitos os galardóns que están á súa disposición para dar recoñecemento público ás nosas praias como son a bandeira azul ou o ISO 14001 que promoven dende a Deputación Provincial. O equipo de Villares nin intenta obter nada nin se suma a outras entidades que sí traballan por lograr estas insignias”.
Os socialistas lamentan que “é unha verdadeira pena que Cervo sexa un dos poucos concellos costeiros de A Mariña que queda de novo coas mans baleiras. Non será porque non tiveron tempo de paliar as carencias, máis ben a causa é que xa nin se molestan”.
Lembran unha vez máis que estes distintivos “son un atractivo turístico moi relevante. A falta de preocupación polo noso futuro é total e absoluta, se deixamos de lado o turismo, tódolos sectores se verán afectados e este Concello apagarase pouco a pouco”.