Mondoñedo, 29 de maio de 2013- A portavoz do Partido Popular de Mondoñedo, Elena Candia, asegura que nin os 38.000 euros de fianza nin un prazo dun meses son suficientes para darlle unha solución as deficiencias da obra do entorno do seminario e da catedral e para reparar así os trastornos irreparables ocasionados á localidade e aos veciños.
A voceira popular puxo de manifesto estas declaracións tras o posicionamento do equipo de goberno recollido hoxe en prensa, ao asegurar que o Concello lle dá de prazo un mes a empresa adxudicataria da obra para reparar as deficiencias da obra, e pasado o tempo será o propio concello quen execute os traballos, quedándose coa fianza depositada
Elena Candia asegura que esta iniciativa non é suficiente ao tempo que explica que esta mobilización do equipo de goberno chega demasiado tarde, tendo en conta que a obra xa foi adxudicada no 2011, cun prazo de execución de 10 meses. Así, o PP quere que Orlando González explique o porqué non tomou ningunha decisión ata o momento ao respecto desta situación e pregúntase se esta actitude responde a un posible temor a votar a favor da moción presentada polos populares.
A voceira local explica que o seu grupo rexistrou unha moción na que solicita a creación dunha comisión para investigar a execución e a xestión municipal das obras de reordenación de espazos no contorno da catedral, Praza do Seminario e Rúa da Fontevella.
Os populares denuncian un resultado que presenta diferenzas respecto ao proxecto feito, ao que se lle engade a dubidosa adxudicación da obra, tendo en conta que o PP non ten constancia de que se materializaran as melloras (actuacións non obrigadas por proxecto pero comprometidas a realizar pola empresa), acordadas a levar a cabo pola entidade adxudicataria, sendo este o criterio practicamente determinante de que a empresa resultara elixida para a realización desta actuacións.
Petición de responsabilidades políticas
O PP pide responsabilidades políticas ante o resultado que presenta a obra do entorno da Catedral, da Fonte Vella e do Seminario, que os populares denunciaron en reiteradas ocasións. Os populares consideran que o goberno local “debe responder ante unha situación que repercute negativamente tanto na economía como na vida dos veciños”, asegura a popular.
Elena Candia explica que as citadas obras, que supuxeron un investimento de 1,1 millóns, fixéronse para empeorar e deixar unha zona nunha situación máis criticable que a que presentaba previamente ao acometido destas obras, ocasionando trastornos irreparables para a cidade e os veciños.
Estado das obras do entorno da Catedral
As obras do entorno da Catedral, do Seminario e da Fonte Vella presenta un mal estado observable polos visitantes e veciños con arquetas que rompen de xeito continuado, con mal estado do firme, con pedras rotas ou inclusive cun pésimo mantemento das canalizacións.
Este acometido reduciu o número de prazas de aparcamento na localidade, sen que o goberno local ofreza alternativas ao estacionamento, asfixiando desta forma “aos veciños, ao comercio e ao turismo local”, dado o incremento no número de sancións impostas en materia de tráfico.