CERVO, 6 DE XUÑO. A Asociación de veciños de Cervo e Sargadelos veñen de presentar no día onte un escrito dirixido á Xunta de Galicia co único fin de que dende a Consellería de Sanidade se dé resposta de maneira urxente á falta do médico habitual do centro de saúde de Cervo.
Ademais da merma dos servizos sanitarios, os membros da asociación veciñal subliñan que “os máis de mil afectados pertencentes a diferentes parroquias teñen que desprazarse ata San Ciprián con todos os perxuízos que isto conleva. Son moitos os que carecen de coche propio e a falta total de transporte público entre estas poboacións failles imposible acudir á consulta”.
Esixen que “se designe coa maior inmediatez posible, un médico para o Centro de Saúde de Cervo para así poder evitar o gran perxuicio que están a sufrir os veciños e veciñas destas zonas do Concello”.
Protesta
Ante esta situación, os veciños de Cervo e Sargadelos organizaron na tarde de onte unha reunión co resto de asociacións locais e varias plataformas comarcais defensoras da sanidade pública e acordaron por unanimidade “convocar para as 12.00 horas do día de hoxe unha concentración ás portas do centro de saúde de Cervo. Faremos todo o posible para defender os nosos servizos, polos que tanto levamos loitado”.