San Cibrao, 26 de xuño de 2013.- A asociación de veciños “Cruz da Venta” de San Cibrao decidiu abandonar a Comisión Sanitaria local de Cervo tras constatar que está politizada. Así o acordou por unanimidade a súa xunta directiva tras unha reunión extraordinaria e urxente celebrada na tarde deste martes 25 de xuño.
O colectivo veciñal sinala que “cada día que pasa se fai máis evidente a instrumentalización que determinados partidos políticos realizan desta Comisión e, sobre todo, o intento de determinadas persoas moi significadas politicamente por radicalizar as protestas con fins partidistas”.
“Non podemos como asociación de veciños apoiar, por exemplo, o espectáculo que se deu no último pleno municipal, insultando e interrompendo a cargos públicos, a pesar de haber un acordo unánime da Corporación, nin comprendemos que o colectivo ampare este tipo de conductas, ni que se converta unha reivindicación veciñal nunha causa xeral para hostigar. Os colectivos veciñais non estamos para facerlle a campaña electoral ós partidos, nin do goberno, nin da oposición”.
A asociación de veciños de San Cibrao, como colectivo social maioritario nesta localidade, sumouse nun primeiro momento á Comisión creada tras coñecerse a decisión do SERGAS de reducir de catro a tres o número de médicos de familia que traballan neste municipio, pero comprobou nas diversas reunións ás que asistiu o uso partidista crecente que se quería dar a esta plataforma.
Reunión coa Conselleira
A pesar da súa decisión, a asociación que agrupa ós veciños de San Cibrao mantén o mesmo grado de esixencia e reivindicación fronte ó SERGAS e avanza que seguirá realizando xestións e continuará cos seus contactos coa administración autonómica para que se garantice e non se resinta a calidade do servizo sanitario que se presta nos centros de saúde do municipio. De feito, Cruz da Venta xa solicitou unha entrevista coa conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera.