Burela, 25 de xuño do 2013. A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT acollerá o vindeiro mes de xullo catro novos cursos de informática impartidos polo Concello de Burela.
O luns, 1 de xullo, iniciaranse tres cursos de Mecanografía para nenos na Aula CeMIT de Burela. Con esta actividade ensinaráselle aos asistentes a situar as mans no teclado para escribir de forma correcta, a memorizar a situación das teclas empregando para elo o programa libre Klavaro e a sentarse correctamente para non sufrir lesións.
O primeiro deles impartirase de 10:00 a 11:00, o segundo de 11:00 a 12:00 e o terceiro de 12:00 a 13:00 horas. Todos eles rematarán o 31 de xullo.
E o mércores, 3 de xullo, dará comezo un curso de Descarga de música de forma legal na Aula CeMIT de Burela. Con esta actividade ensinaráselle aos asistentes a descargar música da internet así como a reproducila tanto no propio equipo como nun reprodutor de música externo.
Este curso será impartido de 9:00 a 10:00 horas e rematará o 11 de xullo.
Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse á Aula CeMIT de Burela sita na Casa da Xuventude – Rúa do Cancelo 1, a través da páxina web https://cemit.xunta.es/, ou enviar un correo electrónico ao enderezo: cemit.burela@xunta.es.
Desde a Aula CeMIT lémbranlle unha vez máis aos usuarios que poderán facer uso libre dos equipos e da internet da aula, en horario de mañá de 7:45 a 10:00 horas e de 13:00 a 14:00 horas.