Foz, 12 de xuño de 2013. A segunda ruta do Campionato Galego de Turismo 2013, que organiza a Federación Galega de Motonáutica, celebrarase este vindeiro sábado, día 15, con saída dende Foz ás once da mañá e remate no municipio asturiano de Tapia de Casariego. A proba contará con medio centenar de participantes, segundo se anunciou na presentación do evento que se realizou esta tarde na vila focense.
Na presentación participaron o alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira; e o delegado provincial da Federación Galega de Motonáutica e presidente do Club Náutico O Castro, José Soto. O rexedor municipal comentou que “con esta proba retomase a tradición destes eventos de motonáutica na ría de Foz e traerá aquí a uns 50 participantes que desfrutarán dunha preciosa ruta dende Foz a Tapia”.
Para organizar este evento a Federación Galega de Motonáutica conta coa colaboración do Concello de Foz, o Restaurante O Lar, a Cafetería A Funcional e Autoescuela Mundial.