Lugo, 25 de xuño de 2013.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, destacou hoxe que a Xunta, a través da Axencia de Turismo de Galicia, financiará por primeira vez a través dunha liña de axudas específica a contratación de persoal nas oficinas de turismo dos concellos declarados Municipios Turísticos.
Arias significou que, a liña de apoio que ven de promover Turismo de Galicia, beneficia directamente a catro concellos da comarca da Mariña, en concreto, os municipios de Ribadeo, Viveiro, Mondoñedo e Foz.
A representante do Executivo galego asegurou que estas achegas -que poderán solicitarse ata o 30 de agosto a través de medios electrónicos, seguindo o formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia- están dispostas para “manter a calidade no servizo de información turística que se presta nos municipios que contan coa devandita declaración”. Arias engadiu que con esta medida “estimulase a contratación de persoal de xeito que se potencie a imaxe tanto dos Municipios Turísticos como de toda a provincia e a comunidade galega no exterior”.
A delegada territorial do Executivo galego aludiu á colaboración que fai a Xunta no eido turístico, onde con medidas como esta “fai unha aposta para rendabilizar os excepcionais atractivos cos que conta a comarca da Mariña, tanto no eido paisaxístico, como no gastronómico e, por suposto, no que atinxe directamente ao turismo de praia”.
Raquel Arias valorou a importancia “da acción conxunta de cara a promocionar o turismo da Mariña”, xa que “sumando esforzos para a posta en marcha dos servizos necesarios, seremos capaces de definir mellor os obxectivos, priorizar as actuacións e ser máis eficaces na difusión da nosa mensaxe, aforrando ademais en custos”.
Segundo indicou Arias, os concellos da Mariña poderán beneficiarse dunha axuda global “de ata 32.000 euros, cos que se pode sufragar o persoal específico destas oficinas dende o mes de xuño ata outubro”. Os requisitos do persoal contratado serán estar en posesión dalgún dos títulos seguintes: Técnico Superior en Información e Comercialización Turística ou Técnico Superior en Guía, Información e Asistencia Turística; Técnico en Empresas e Actividades Turísticas ou Grao ou Diplomatura en Turismo ou equivalente homologado.
Ademais dos concellos da comarca costeira da Mariña, na provincia de Lugo tamén poden presentarse cinco concellos da metade Sur e o propio municipio de Lugo.
Con esta liña dáse cumprimento á Lei 7/2011, do Turismo de Galicia, que recolle no seu desenvolvemento que que os municipios turísticos deben ser obxecto de atención preferente nas liñas e medidas de fomento económico establecidas pola Administración da Xunta de Galicia.