Lugo, 20 de xuño de 2013.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, subvencionará a contratación de 84 socorristas nas praias da costa lucense durante a campaña de verán do presente ano. Así o anunciou hoxe a delegada territorial da Xunta en Foz, Raquel Arias, que indicou que o departamento autonómico xa comunicou á maioría dos concellos as subvencións concedidas para que poidan tramitar a contratación dos especialistas.
Arias, acompañada polo alcalde do municipio focense, Javier Jorge Castiñeiras, destacou que estas axudas propiciarán a contratación de 84 persoas desempregadas, unha cifra que supón un incremento de persoal con relación aos últimos anos, e que, en concreto, para o caso do ano 2012 representa sete especialistas máis que velarán pola seguridade nos areais da costa mariñá.
Estes profesionais están encargados da vixilancia, salvamento e socorrismo en praias e municipios da Mariña lucense que, debido ao seu marcado carácter turístico, son os que concentran a gran maioría deste tipo de contratos sufragados mediante os plans de cooperación na provincia de Lugo.
A Consellería de Traballo e Benestar adoptou esta resolución esta mesma semana, en datas similares a exercicios anteriores, e iniciou a comunicación da decisión aos concellos beneficiarios para que poidan realizar a oferta de emprego de inmediato. O investimento en axudas para a contratación de persoal de socorrismo nas praias da comarca da Mariña achégase aos 250.000 euros (245.282,64 euros).
Os concellos da costa lucense que reciben as axudas para este tipo de contratos –que se enmarcan dentro das subvencións dos programas de cooperación- son os de Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Ribadeo, O Vicedo, Viveiro e Xove. Todos eles manteñen ou superan o número de contratos subvencionados na campaña do pasado ano. De feito, o número de profesionais que atenderán os areais lucenses increméntase nos concellos de Ribadeo, Foz e Xove, como destacou Raquel Arias.
Dado o carácter estacionario debida á propia natureza do traballo, os contratos terán unha duración maioritariamente de dous meses.
Socorrismo en piscinas
Así mesmo, o número de socorristas totais que traballarán durante a tempada de verán na comarca da Mariña vese incrementado tamén se se consideran os contratos subvencionados para profesionais de vixilancia en piscinas.
Así, nas próximas semanas os concellos de Trabada, Lourenzá, Ourol e A Pontenova poderán contratar tamén os respectivos socorristas que atenderán as piscinas municipais durante a tempada estival. Deste xeito, o número total de socorristas que traballarán na comarca elévase ata 91.
Polo que respecta ao conxunto da provincia, o número de profesionais encargados da vixilancia e salvamento que subvencionará a Consellería de Traballo e Benestar aumenta con relación ao ano anterior, situándose en 112, para cuxa contratación se destina, en total, unha partida de case 320.000 euros (319.408,78 euros).





















Durante case dúas horas desenvolveuse unha conversa aberta arredor do mundo do espírito e do contido da obra, nun encontro ao que asistiu un grupo numeroso de persoas dispostas non só a escoitar, senón tamén a dialogar e compartir reflexións. Tras a intervención inicial de Pepe Peinó como responsable do proxecto, tomou a palabra o escritor Lionel Rexes, quen achegou novas perspectivas antes de abrir o debate ao público. As opinións, argumentos e matices sobre relixión, espiritualidade, Deus e os valores que sustentan a convivencia foron enchendo o espazo nun ambiente participativo e respectuoso, no que as diferenzas quedaron en segundo plano fronte á forza do diálogo, a solidariedade e o afecto.
A iniciativa xurdiu co obxectivo de xuntar o alumnado que coincidira na EGB, pero axiña se ampliou a todas aquelas persoas que compartiron pupitres e amizades tamén no instituto.
O público, totalmente entregado de principio a fin, amosouno cos intensos e prolongados aplausos que acompañaron toda a actuación. Ao remate, os asistentes expresaron o seu desexo de poder gozar no futuro de novos concertos do artista, que sen dúbida volverán entusiasmar ao público.
Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.



