Dez grupos teatrais da comarca representaron pequenos fragmentos das súas obras en distintos puntos da vila mariñá
Ribadeo, 13 de xuño de 2013. A Praza do Cantón, en Ribadeo, foi o punto de partida do pequeno circuíto de actuacións teatrais que percorreu as rúas máis céntricas da vila, achegando aos cidadáns o teatro afeccionado. Nesta representación colectiva, organizada no marco de Buxiganga co fin de dar a coñecer os circuítos 2013, participaron os grupos de teatro da Mariña que forman parte da quinta edición deste programa, que son A Adala, de Fazouro, Ardora, de San Cibrao, Axóuxeres, de Vilaronte, O Bordelo, de Cervo, Batán, de Cangas, Raiolas, de Alfoz, Ollomao, de Barreiros, Grupo de Teatro de Ribadeo, TeatroCrea, de Viveiro, e Xoldra, de Mondoñedo.
O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, que asistiu a esta presentación, afirmou que “tanto Buxiganga como esta actividade en concreto dan resposta á grandísima afección que existe polo teatro na Mariña, comarca na que o programa é un éxito rotundo grazas tanto aos actores e actrices como a toda a xente que asiste ás representacións”.
Os circuítos de Buxiganga teñen o obxectivo de potenciar o teatro en todas as súas vertentes como un elemento de transmisión cultural, ademais de fomentar o emprego do galego e cumprir unha importante función de cohesión e integración social. A Mariña, tal e como afirmou Veiga, “é, probablemente, a comarca onde mellor funciona Buxiganga, e proba diso é a gran cantidade de espectadores que congrega cada actuación”.
“Este programa – continuou o vicepresidente- é un dos que máis satisfaccións dá á Área de Cultura da Deputación, xa que non só posibilita aos grupos de teatro realizar actuacións con grande éxito entre o público, senón que tamén fomenta a aparición de novas agrupacións teatrais, como é o caso do colectivo Ollomao, de Barreiros, que participa por primeira vez nestes circuítos”.
Na Mariña, haberá 29 representacións a cargo de diferentes colectivos teatrais da provincia, mentres que os grupos desta comarca terán 24 representacións en distintos puntos da provincia. Grazas ao programa Buxiganga, os grupos de teatro afeccionado lucenses teñen a posibilidade de aumentar o número de representacións das súas montaxes teatrais.