A segunda edición das Xornadas do Deporte da Academia Imdecum despediuse onte coa visita do presidente da Organización Española de Fisioculturismo NABBA, Tomás Abeigón. O pontevedrés achegou os asistentes ao IES Monte Castelo ao mundo do fisioculturismo como un deporte, unha ciencia e unha arte, centrándose nas modalidades do exercicio con pesas, a importancia da nutrición e o perigo das substancias dopantes, así como tamén facendo un percorrido polos fisioculturistas máis destacados.
O ciclo organizado pola Fundación Imdecum nesta primavera tamén abordou o deporte feminino nos medios de comunicación, coa xornalista Alba Adá; o kick boxing, coa campioa do Mundo Marisol Ramírez; a loita olímpica, co director técnico da área de Promoción de Desenvolvemento da Federación Galega de Loita; e o deporte sen barreiras, a través dos tenistas en cadeira Álvaro Illobre e Martín Varela.