Burela, 6 de xuño de 2013. O Concello de Burela impartirá, a través do Centro de Formación Ocupacional, catro cursos para formación de desempregados subvencionados ó cen por cen pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Traballo. O Concello, segundo o edil responsable de Emprego, José Casas Martínez, agarda comezar os cursos “canto antes, dado que a formación é un eixo prioritario dentro da nosa atención ós demandantes de emprego”.
José Casas manifestou que “desde o Centro de Formación Ocupacional xa se iniciaron os trámites para a selección de alumnado e de docentes; no que se refire ó alumnado, a preselección faise desde o INEM, atendendo ós criterios que xa figuran na orde de convocatoria dos cursos que se nos teñen concedidos; no que se refire ós docentes, tentaremos ter efectuadas as pertinentes contratacións en tempo e forma para comezar a impartir os cursos canto antes”.
O edil popular indicou tamén que “a intención do Concello é rematar os catro cursos a finais de novembro do presente ano; dous deles, os de pintor e de monitor turístico, son cursos de máis de seiscentas horas o primeiro e de máis de oitocentas o segundo, e cremos que poden ter certas facilidades para a inserción laboral, aínda tendo en conta a situación económica actual; por iso tentaremos rematalos canto antes”.
O concelleiro de Emprego burelés amosou a súa esperanza de que o Concello de Burela poida ofertar algún curso máis: “non se lle pode negar ó Concello o seu esforzo para formar cualificadamente e con certificados de profesionalidade a desempregados; por iso creo que este ano poderemos impartir algún curso máis que pode resultar de interese para certo segmento de poboación”.
Casas Martínez recoñeceu o traballo que se está a facer desde o persoal do Concello que ten como misión atender á formación e información dos desempregados para procurar a súa inserción laboral.