José Ramón Gómez Besteiro, aspirante á secretaría xeral do PSdeG, reuniuse hoxe en Monforte coa militancia da comarca de Lemos para presentar o seu proxecto de partido, e destacou a importancia de “facer pedagoxía socialista e desmontar o obxectivo do PP de despretixiar o sector público para desmantelalo”. Besteiro aposta polo contrario, “fomentar un sector público eficaz e potente” que sexa “a primeira barreira contra a desigualdade das persoas e o dinamizador do tecido económico”.
O socialista convidou a reflexionar ante a militancia sobre se realmente o problema é que o sector público actualmente está sobredimensionado ou se o que hai que facer é melloralo e apostar polo seu bo funcionamento. “Os datos europeos son moi claros: España é o cuarto país da Unión Europea con menos funcionarios respecto da súa poboación”, afirmou. Como exemplo destacou que en España hai 2,8 funcionarios por cada 100 habitantes, por 5,1 en Luxemburgo. “Temos moitos menos funcionarios que países como Alemania ou Francia, e curiosamente quen máis funcionarios ten é Luxemburgo, o país máis rico de Europa, polo tanto iso demostra que a sobredimensión non é o problema”, engadiu. “Por iso creo que non podemos caer na trampa do PP, o que hai que facer é mellorar a produtividade e reducir as duplicidades nas competencias. Iso é o que distorsiona o funcionamento, non a aposta polo sector público”, dixo.
Gómez Besteiro advertiu do “camiño cara a privatización e o enriquecemento dunha minoría ao que leva o PP” con esta estratexia. “Esta dereita decidiu que o seu é seu, e o teu, tamén é seu”, asegurou, “privatizando o Estado do Benestar, o que era de todos”. A pretensión do PP, explica Besteiro, é “reducir o Estado a un mero administrador dos ingresos e gastos correntes, transferindo ao sector privado un inmenso negocio” cos plans de pensións, sanidade e educación privadas, etc. “Estou totalmente en contra deste modelo”, aseverou. “Por iso, cando falo de sector público, falo de que debe ser o principal promotor dun sistema sanitario e educativo de calidade, así como do emprego”.
Como exemplo do modelo en que non cre puxo o IGAPE, “que tiña que ser a principal ferramenta da xunta para facer fluír o crédito principalmente a pemes e autonómos e non concedeu nin un só crédito ás empresas” en 2012. “A dereita actúa tamén así en España, xa que lideramos en Europa a caída do crédito a empresas”, apuntou.