Ribadeo, 12 de xuño de 2013. O alcalde, Fernando Suárez, ven de enviarlle un requirimento ao Instituto Galego de Consumo sobre as preferentes e subordinadas. Desde o Concello solicitan un informe co número de expedientes, con titulares de Ribadeo, que foron resoltos ata o de agora pola vía da arbitraxe e cántas se atopan pendentes de resolución por esta vía e/ou pola vía xudicial e en qué prazo se calcula esa resolución. No escrito remitido ao Instituto Galego de Consumo o rexedor “interesa dese organismo que na medida do posible sexan esixidas tanto a resolución de todas as reclamacións formuladas como, no seu caso, as responsabilidades pertinentes a quen considere causante de tal situación”.
Suárez Barcia dixo que “desde o Concello estamos a seguir moi de cerca cómo está a evolucionar a situación de centos e centos de afectados aquí en Ribadeo polas participacións preferentes e subordinadas” e lembrou a denuncia trasladada no seu día diante da fiscalía ou o pleno da Corporación “desde onde lle advertimos a Novagalicia Banco de que, de non tomar medidas activas para iniciar os trámites de devolución dos cartos estafados aos afectados, retiraríamos os fondos do Concello desa entidade bancaria”.
O alcalde de Ribadeo explicou que “agora, á vista de que o goberno do Estado acaba de anunciar a inminencia desas quitas, nós desde o Concello vimos de enviar hoxe un requirimento ao Instituto Galego de Consumo, que depende da Xunta de Galicia, para que nos contesten dunha maneira clara e nítida a algunhas preguntas: cántas desas persoas, que fixeron reclamacións a través do servizo municipal de consumo e desde aquí trasladadas a Consumo da Xunta para que lograsen un laudo arbitral, foron atendidas xa, cántas quedan por atender e cándo se prevé que sexan atendidas todas esas reclamacións”.
Fernando Suárez subliñou que “desde o goberno se está a indicar que a partires de agosto cesará o sistema de arbitraxe e iso parécenos que é algo que non se debe dar, polo menos ata que non estean a totalidade das reclamacións atendidas” e insistiu en que “desde o Concello queremos saber cántos casos foron resoltos ata o de agora, cántos están pendentes de resolución, e advertirlle ao goberno galego que non se lle ocorra pechar a vía arbitral sen estar avaliados todos os estafados que fixeron as reclamacións pertinentes e oportunas en tempo e forma nas oficinas de consumo municipais, como é o caso da que temos aquí en Ribadeo”.