Foz, 1 de xuño de 2013.- O BNG de Foz no pasado Pleno Ordinario do Concello sacou adiante todas as mocións presentadas.
A primeira era unha moción para expresar o rexeitamento á proposta do Goberno do Estado relativa á supresión dos Xulgados de Paz e á asunción por parte dos Rexistros da Propiedade e as Notarías das funcións dos Rexistros Civís, instándoo á inmediata retirada deste anteproxecto de lei. Estas anunciadas reformas do PP van afectar negativamente a moitas persoas ao desapareceren estes órganos de apoio xudicial básicos, sen máis alternativa que a concentración da xustiza en xulgados localizados en determinadas cabeceiras de comarca e nas cidades.
A segunda moción aprobada foi a de manifestar e facerlle chegar o apoio e a consideración da Corporación Municipal de Foz polo seu mérito ao xove físico Diego Martínez Santos, veciño do noso concello, e instar á Xunta de Galiza e ao Goberno Español para que rectifique as súas políticas de recortes en investigación e amplíe as becas Ramón y Cajal, así como as bolsas e os programas destinados a investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+I) porque isto para calquera país é unha aposta de futuro. O BNG agradece e aplaude a unanimidade de todos os grupos políticos da corporación.
A última moción, onde se produciu un arduo debate co PP, que votou en contra, foi a proposta de retirada da lei orgánica para a mellora da calidade educativa (Lomce) por ser unha lei involucionista que reflicte as posicións ideolóxicas máis extremas e reaccionarias, claramente defensora dos postulados da patronal e da Igrexa Católica e moi lesiva para o ensino público, para a igualdade de oportunidades e para o idioma galego.
O BNG, nos puntos de política municipal, abstívose no Recoñecemento Extraxudicial de Crédito porque iso é bo para os provedores, autónomos e empresarios de Foz que están sen cobrar desde o ano pasado. Sen embargo, o BNG critica moi duramente a política económica do PP porque non ten control sobre o gasto e non cumpre coa legalidade á hora de gastar (vulnerando a Lei de Contratos ou a Lei de prelación de pagos). Ao día de hoxe o Concello de Foz ten un remanente negativo de -136.982 euros e non positivo como di o alcalde.
Outro punto importante foi a aprobación da modificación da ordenanza fiscal da axuda no fogar onde o BNG tamén se abstivo, nun acto de responsabilidade ante o risco de que se non sairá aprobada o Concello puidera perder as subvencións da Xunta para este ano (sobre 400.000 euros). Isto non é óbice para que o BNG estea en contra das políticas de recortes, privatizacións e suba de taxas do PP no goberno da Xunta (ata un 100% nalgúns casos), que sen ningunha dúbida suporá para moitas persoas reducir ou incluso abandonar o servizo de axuda no fogar.
O BNG lamenta que quedara enriba da mesa a Ordenanza reguladora das terrazas e instalacións en vía pública debido aos votos de PSOE e UNIFOZ porque é unha oportunidade perdida cando as posturas non estaban tan afastadas e porque isto significará un novo retraso para regular o caos existente actualmente neste tipo de instalacións.
No apartado de rogos e preguntas, O BNG pediu que se mantivera a frecuencia na recollida de lixo nas parroquias, solicitou que se coidara máis a imaxe do pobo e mostrou a súa preocupación polo retraso na contratación de socorristas para as praias no verán.