Burela, a 9 de xuño de 2013. O equipo de goberno do Concello burelés nega que o barco museo Reina del Carmen estea desatendido.
O goberno municipal indicou que “o barco subiuse ó carro hai ano e medio, e está previsto subilo de novo á volta do verán. O que non temos é unha persoa estable no barco dadas as restricións existentes en materia de contratación de persoal. Ademais, os anos pasan para todos, tamén para o barco. Por certo, cando o PP volveu ó goberno municipal o barco levaba máis de dous anos sen pasar polo carro”. Con todo os populares sinalan que “o barco non está desatendido; un membro da brigada de obras municipal está no barco de forma habitual para facer o mantemento básico esixido e mesmo serve de guía nas visitas, visitas que por certo seguen realizándose”.
“Por ese motivo o barco museo volve ter a bandeira azul, non nos esquezamos, galardón que se conseguiu cun goberno municipal do PP”, engaden.
Desde o equipo de goberno tamén lembran que “dentro do plan de cooperación da Xunta de Galicia, temos solicitada a subvención para contratar a unha persoa para o barco museo, que esperamos nos sexa concedida”. O que si recoñecen é que “efectivamente o barco non se acendeu durante as festas precisamente por falta de persoal dado que os nosos traballadores teñen o seu horario establecido e este ano non temos servizo vinte catro horas”. Finalmente, afirman que “dado que respectamos as declaracións da señora Niñe, é polo que damos as explicacións oportunas, como acostumamos a facer”.