Lugo, a 4 de xuño de 2013.- O Grupo Provincial do Partido Popular vén de rexistrar esta mañá unha pregunta plenaria dirixida ao presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, a través da que solicitan explicacións sobre o informe técnico interno ao que tiveron acceso os populares no que se reflexa un desfase do 50% entre as unidades de obra certificadas e as realmente executadas na obra de Marco de Álvare-As Rodrigas (Riotorto).
Os populares lembran que o seu grupo presentou ante o Ministero Fiscal este estudo, rexistrado no ente provincial, o 12 de abril de 2013 e elaborado por un enxeñeiro técnico da área de Vías e Obras no que se detecta un desfase superior aos 190.319 euros entre as unidades de obra certificadas e as realmente executadas. Dunha forma máis concreta, este escrito recolle que, a data 31 de outubro de 2012, o importe certificado nesta obra ascende a 400.060,36 euros, mentres que o importe executado é de 209.741,14 euros.
Os populares vense obrigados de novo a denunciar a existencia de datos discordantes tendo en conta a acta da Xunta de Goberno de 31 de maio de 2013, na que se recolle que a obra arroxa un saldo a favor da Deputación de 36.990,50 euros.
Os populares aseguran que os datos “son manifestamente contraditorios” e “queremos coñecer cales son as razóns que provocan esta diferenza numérica e máis se lembramos as declaracións do equipo de goberno que evidenciaban a finais de abril un descoñecemento de cal era a situación real”.
Así o puxeron de manifesto os populares, que amosan a máxima precaución ante esta situación ao poder estar ante un suposto moi grave de posible pagos de obras sen executar e reiteran a súa intencionalidade de seguir desenvolvendo a súa labor de oposición e pedindo explicacións ante esta situación que cando menos, amosan sospeitas.
Aparente operación de xustificación do desfase
Os populares lembran incluso a evidencia dunha posible operación de xustificación deste desfase superior aos 190.000 euros, ao ter en conta que, ao parecer este informe que alerta da situación fora desatendido, xa que pedían que se realizara a medición con respecto ao proxecto de modificado nº2, non en relación ao proxecto de modificado nº1, tal e como se fixo. Sen embargo, en resposta a unha pregunta plenaria, o propio equipo de goberno recoñeceu que este proxecto nº2 “estaba aínda sen rematar”, polo que non se pode facer ningunha comparativa respecto a el.
Falta de credibilidade
Estes datos, aos que tiveron acceso os populares, pon en tela de xuízo a credibilidade de José Ramón Gómez Besteiro e do eu equipo de goberno. Tanto é así que as declaracións do propio Martinez evidenciaban un descoñecemento da situación fai un mes cando aseguraba que “se a Deputación detecta que a empresa cobrou máis cartos do que lle correspondería pola obra executada, reclamará a diferenza á concesionaria”.
Unhas declaracións que sorprenderon aos populares tendo en conta que o último pago efectuarase o 28 de setembro de 2012 e máxime cando no expediente figuraba unha proposta de resolución contractual de mutuo acordo entre a empresa e a Deputación de Lugo con data 1 de febreiro de 2013, materializando a vontade do organismo de devolver o aval, que agora se lle reclama a empresa por incumprimento dos prazos parciais de execución.
Os populares piden unha rápida resposta para os veciños
En relación a aprobación, na xunta de goberno do pasado venres, da redacción do correspondente proxecto das obras, unha vez que se resolveu o contrato coa adxudicataria; os populares piden a maior premura e axilidade co obxecto de darlles unha resposta frutífera aos veciños de Riotorto que están a espera de que se remate unha obra que fora adxudicada no ano 2007, resolvéndose este primeiro contrato no 2010 por demora da Deputación á hora de levar adiante o procedemento pertinente.
As citadas obras adxudicáranse novamente o 25 de febreiro de 2011, cun prazo de execución de 6 meses, mentres os veciños están a espera de que se remate unha estrada prioritaria para o municipio de Riotorto, por ser a que soporta maior número de tráfico diario e ser o único enlace coa capital lucense.