SANTIAGO, 4 de xuño de 2013. A Fegamp convocou hoxe na súa sede a representantes dos concellos nos que se instalarán as bases dos novos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES), e cuxo inicio de actividade está previsto para este mes de agosto. A reunión estivo presidida polos vicepresidentes da Federación Alfredo García, alcalde do Barco de Valdeorras, e Alfonso Villares, alcalde de Cervo.
Ao encontro asistiron unha vintena de concelleiras e alcaldes dos municipios de Brión, Curtis, Muros, Ortigueira, Padrón, Ponteceso, Becerreá, Cervo, A Fonsagrada, Guitiriz, Monterroso, A Pontenova, O Barco de Valdeorras, Castro Caldelas, A Gudiña, Lobios, Muiños, Avión, Ribadavia, A Estrada, Lalín, Ponte Caldelas e Redondela.
Durante a reunión, Villares e García, xunto ao director xeral da Fegamp, José Manuel Chapela, trasladaron aos presentes información para o desenvolvemento e implantación dos grupos, tendo en conta que o convenio entre Xunta, Fegamp e deputacións provinciais xa se rubricou nas últimas semanas.
Neste tempo, os vicepresidentes da Fegamp mantiveron diversas reunións de traballo coa Dirección Xeral de Administración Local e a Dirección Xeral de Montes para acordar entre as dúas partes os pasos a seguir na implantación dos GES.
A partir de agora, e en virtude deste convenio, cada concello deberá elaborar as súas propias bases de contratación a partir do modelo establecido, e realizar o proceso de selección do persoal que conformará os novos GES, cuxa vixencia se estende ata decembro de 2015.
Para Villares, “o papel da Fegamp é precisamente este, o de atención e asesoramento a todos os concellos para unha mellor prestación de servizos tan importantes como este das emerxencias, como antes se facía cos extintos ‘grumir’ ”. Para tal fin, a Federación conta cun técnico que atende todas as consultas dos municipios neste ámbito.
Segundo o alcalde de Cervo e vicepresidente executivo da Fegamp, “sempre xorden dúbidas sobre cuestións menores, porque cada concello ten a súa singularidade, pero o importante é polas en común e atopar solucións para que, canto antes, todos os concellos conten con persoal especializado e cunha certa estabilidade temporal para atender as emerxencias”.
Novo modelo de emerxencias
A implantación dos GES prodúcese despois de que no mes de xaneiro, tras anos de demora e prórrogas, Xunta, deputacións e concellos acordasen este novo modelo de emerxencias supramunicipais.
Entre as novidades do modelo que a Comisión Executiva da Fegamp avalou en xaneiro destaca un financiamento máis estable, no que participan tres administracións públicas: Xunta, as catro deputacións e os concellos. O goberno galego asumirá un 60% dos custos de persoal, os entes provinciais un 20% e as entidades locais o 20% restante.
O novo modelo profunda na colaboración e cooperación entre concellos que defenden e impulsan Fegamp e Xunta, xa que os novos grupos de emerxencias non estarán vinculados a un único municipio, como maioritariamente ocorría cos ‘grumir’, senón que ampliarán o seu campo de actuación ás súas áreas de influencia.




















Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.
Afirman que os accesos ao Campo da Festa resultan moi dificultosos, especialmente para persoas con carriños de nenos ou cadeiras de rodas. Critican que a obra se trasladase a esta zona xusto antes das festas, deixando outros tramos a medio facer e sen ter en conta as necesidades dun barrio que consideran “marxinado”. Sinalan tamén á alcaldesa como responsable de evitar esta situación. A veciñanza esixe un arranxo inmediato do acceso, aínda que sexa provisional, e a instalación dunha sinal luminosa na alambrada situada ao final da obra.
A actividade, dirixida pola especialista Nuria Torrado, ofreceu ás crianzas un espazo para desfrutar, moverse, xogar e aprender a conectar co seu corpo e coa respiración mediante exercicios e dinámicas adaptadas ás súas idades. No último día, a rexedora Dolores García Caramés achegouse para compartir un anaco cos participantes, escoitar as súas impresións e agradecer o traballo da monitora, incluso sumándose a algunhas das actividades. A proposta pecha cun moi bo sabor de boca, como unha experiencia para aprender, divertirse e medrar en movemento.
Ao longo destas semanas, arredor de 20 nenos e nenas iniciáronse e melloraron as súas habilidades neste deporte, desfrutando do exercicio, aprendendo e pasándoo en grande. O Concello agradece a participación da rapazada e o apoio das familias, e reafirma a súa aposta polo deporte e por ofrecer alternativas de ocio activo para os máis pequenos. A actividade estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Trátase dun espazo seguro, educativo e dinámico, no que os máis pequenos poden comezar o día antes da entrada ás aulas. As solicitudes poden presentarse no Concello de Cervo ou na Casa da Cultura, e o servizo comezará o 9 de setembro. Cervo Madruga, un programa pensado para seguir apoiando ás familias do municipio.
A festa, organizada pola Asociación Alameda co apoio do Concello de El Franco, inclúe unha mesa redonda o venres 28 en El Fornello e, xa o sábado, un taller de baile infantil ás 21:00 h seguido das actuacións de El Cabazo, Herbamora, Dervish, Felpeyu e Ochobre. El Franco destaca o valor desta tradición e anima a veciños e visitantes a participar nun evento que leva máis de catro décadas celebrando música, baile e patrimonio cultural.



