Dende o Grupo Socialista focense queremos denunciar unha vez máis o feito de que a mediados do mes de xuño as praias do Concello, tanto os accesos coma os areais, se atopan nun estado de abandono e falla de limpeza lamentable, e carecen dos servizos máis básicos, como a auga nas duchas e fontes dos paseos marítimos.
Tal como explica a voceira socialista, Rosa Pérez Gradaílle: “O estado de abandono das praias constata o feito de que o Equipo de Goberno non é capaz nin tan sequera de dar cumprimento aos acordos plenarios, pois o noso Grupo presentou no último Pleno unha moción solicitando que se procedese á limpeza dos accesos e os areais das praias do Concello en vista da chegada da temporada estival, moción que foi aprobada por unanimidade dos membros da Corporación, pero, a pesar de que xa transcorreron quince días, as praias continúan feitas un desastre debido á incompetencia do goberno municipal”.
Debido a este feito, expresou tamén a voceira: “En concreto no día de onte, debido ás altas temperaturas rexistradas, recibimos numerosas queixas veciñais polo estado dos accesos ás praias, a maioría deles impracticables, e pola suciedade dos areais, así como polo feito de que por estas datas as duchas e fontes dos paseos marítimos continúen sen auga, polo que emprazamos ao alcalde a poñerse mans á obra dunha vez para remediar esta situación”.
Así mesmo, dende o Grupo Socialista queremos denunciar que, mentres o goberno local segue a gastar miles de euros na contratación dunha empresa externa para realizar labores de xardinería no núcleo urbano, en concreto no mes de febreiro de este ano esta empresa emitiu facturas ao Concello por importe de máis de 13.700 euros, dos que 4.800 euros correspondían só ao mantemento das rotondas, as parroquias seguen a ser as grandes olvidadas do Equipo de Goberno, coas cunetas sen rozar a estas alturas do ano, as fontes públicas sen limpar e numerosos problemas na recollida de lixo e no funcionamento do alumeado público. Polo que lle pedimos ao alcalde que proceda a dar cumprimento a algunha das peticións que os veciños das parroquias lle trasladan nas reunión que está a manter cos mesmos, porque senón esas xuntanzas non serven máis que para perder o tempo.