Antonio Pillado Álvarez.- Os cidadáns de Cervo estamos a vivir directamente os recortes en Sanidade do goberno da Xunta de Galicia. Aproveitaron que se xubilaba un dos facultativos para roubarnos unha praza no concello, e fixérono como nos teñen acostumado, con noturnidade e alevosía, sen aviso previo, intentando desmantelar un dos centros de saúde. Menos mal que as noticias hoxe voan e os cidadáns puxémonos a traballar en contra desta decisión e conseguimos paralizar este desmantelamento. A día de hoxe mantemos as mobilizacións porque aínda temos pendente manter os 4 facultativos que tiñamos e que consideramos necesarios. Hai quen intenta xustificar o recorte con Ratios e con frases coma “Con menos vamos mellorar” para min “recortar non é mellorar”.
Hoxe (xoves 20.06.13) ás 13:00 horas temos un pleno extraordinario solicitado pola oposición, espero ver moitos veciños no salón de actos para presionar ós nosos representantes a que se poñan do lado dos seus veciños que son os que os elixen. Hai que decirlles que a xente existe, que necesita solucións e esperanzas dunha vida plena e que ofertar miseria e apostar por unha sociedade submisa é pegarse un tiro. A miña pregunta é: de que valen uns políticos que non se poñen á fronte das necesidades dos cidadáns que os elixen?
Aínda que a sanidade non é competencia dos Concellos, estes teñen o deber ético de apoiar as demandas dos seus veciños e ademais recórdolles ós gobernantes do Concello de Cervo que se son capazes de xustificar os recortes, nun servizo de primeira necesidade como e a sanidade, como van poder xustificar tantas dedicacións (soldos) dos concelleiros nun Concello de menos de 5.000 habitantes? Cumprirán ratios? Ou mesmo a existencia dun gabinete de prensa no Concello que nos costa a tódolos veciños ao redor de 2.000 euros ao mes. Este si é un servizo necesario?
Veciños, é necesario berrar alto e claro que ¡basta xa de destruír o estado do benestar! ¡Basta xa de roubarnos as conquistas que tanto sudor e esforzo costaron!
Os veciños de cervo “NON QUEREMOS PERDER FACULTATIVOS”.
Antonio Pillado Álvarez