Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2013.- A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) posibilitou o acceso a redes de nova xeración con 100 Mbps de velocidade en 28 edificios das 45 sedes xudiciais existentes nas catro provincias galegas. Na provincia de Lugo dispoñen de acceso a esta tecnoloxía as sedes dos partidos xudiciais de Vilalba, Monforte, Mondoñedo, Chantada e Lugo, que supoñen o 55% da sedes xudiciais da provincia.
A mellora destas infraestruturas de telecomunicación posibilita, ademais do incremento da velocidade de conexión, o acceso simultáneo dun maior número de usuarios e a posibilidade de traballar cun maior número de aplicacións informáticas.
Con esta actuación búscase dotar tanto ás cidades como ao rural da mellor conectividade posible, e avanzar na modernización da xustiza con iniciativas como o Plan Senda para introducir as TIC no eido xudicial galego.
A mellora da conectividade dos xulgados é posible grazas á posta en marcha pola Xunta do Plan de Banda Larga de Galicia, que contempla entre as súas actuacións, e en colaboración co operador R, a extensión destas redes de nova xeración (NGAs) coas velocidades máis punteiras.
A implantación de redes de 100 Mbps permite multiplicar por 10 a velocidade de baixada e quintuplicar a velocidade de subida. Deste xeito os empregados dos xulgados poderá ter un acceso máis efectivo á Rede, sen esperas ou contratempos; poderán conectarse simultaneamente un maior número de usuarios e permitirá o funcionamento de máis aplicacións informáticas cun tempo de resposta adecuado.
Plan Senda
A través do Plan Senda para a integración das TIC na Xustiza, a Xunta leva investidos investidos 13,7 millóns de euros no período 2009-2012.
As medidas do Plan abranguen a mellora das infraestruturas de telecomunicacións das sedes xudiciais, a implantación e actualización dos sistemas de información como Lexnet, Minerva ou Fortuny, a formación do axentes xudiciais e a renovación e implantación de equipamento tecnolóxico que está a permitir a dixitalización dos trámites administrativos, evitando o uso do papel e aforrando desprazamentos.
Plan de Banda Larga
Para o desenvolvemento de iniciativas como o Plan Senda para a integración das TIC en todos o ámbitos administrativos é fundamental contar infraestruturas de telecomunicación adecuadas. Por iso, a Xunta puxo en marcha ano o Plan de Banda Larga 2010-2013, que posibilitará que tanto os centros administrativos como os cidadáns teñan acceso a un servizo de Internet de calidade que lles permita integrarse de xeito efectivo na sociedade da información.
Unha das actuacións do Plan é a extensión de redes de nova xeración con velocidades de 100 Mbps. O obxectivo final desta actuación é darlle cobertura a máis de 1 millón de habitantes con estas redes punteiras, que permiten fornecer servizos innovadores, mellorar a calidade ofrecida ao cliente e adaptarse máis rapidamente ás novas Tecnoloxías da Información e Comunicación.