Preto de trinta nenos do Concello de Lugo estrearon este martes os campamentos medioambientais do Km0 Infantil, organizado pola Deputación co fin de potenciar entre os máis pequenos o lecer en plena natureza e poñer en valor o medio rural da provincia. Os rapaces, de idades comprendidas entre os 6 e os 12 de idade, foron recibidos no Salón de Actos do Pazo de San Marcos pola Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, para desprazarse despois á Granxa Garabullos de Cospeito, onde gozaron dunha xornada repleta de actividades lúdico educativas. Outro grupo de 30 nenos de Lugo participará mañá no Km0 Infantil; para o xoves anotáronse outros 30 rapaces da ANPA do colexio público de Castro de Rei e o venres, outros 40 nenos do CEIP de Cervantes farán as actividades o venres.
Os campamentos contan con 400 prazas libres, polo que os interesados poden anotarse na páxina web do organismo provincial, www.deputacionlugo.org onde atoparán toda a información sobre este programa dirixido ós máis pequenos, que financia nun 80% a Unión Europea a través do plan Lug02. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 12 de xullo. Na web tamén encontrarán o escrito de autorización paterna, que, ben poden enviar vía on line, xunto ó formulario de inscrición, ou ben entregalo en persoa antes do inicio das actividades. Presentar esta autorización é obrigatorio.
Os nenos poden escoller entre dúas alternativas, ambas en pleno corazón da Reserva da Biosfera Terras do Miño:
– A Granxa Garabullos, situada en Cospeito, onde as actividades terán lugar entre hoxe e o 15 de xullo. Trátase dun centro de lecer educativo que ten como obxectivo dar a coñecer o medio ambiente e as súas potencialidades, e favorecer o compromiso coa conservación do rural.
– O parque Avifauna de Outeiro de Rei, no que haberá actividades entre os días 16 e 19 de xullo. Avifauna é un centro de interpretación que conta con 500 aves de máis de 200 especies diferentes, representativas dos 5 continentes. As características deste parque zoolóxico fano único na comunidade galega, e un dos poucos de España.
Rutas, obradoiros, xogos e danzas
Durante toda a mañá, os rapaces, acompañados en todo momento por monitores, fan rutas guiadas, obradoiros, xogos e danzas, “todo co obxectivo de que aprendan a valorar a riqueza natural da provincia en xeral, e da Reserva Terras do Miño en particular, e converterse en pequenos embaixadores da nosa provincia; comprendan a importancia de vivir en harmonía coa natureza; e se comprometan coa conservación dos espazos naturais”, destacou a Deputada de Medio Ambiente.
Transporte gratuíto
Os participantes contan con servizo de autobús gratuíto desde Lugo para desprazarse ó lugar dos campamentos –Cospeito ou Outeiro de Rei-. En todo caso, se se xunta un grupo de entre 20 e 45 rapaces da mesma zona da provincia, fretarase un autobús para recollelos, tamén gratuitamente, nalgún punto desa zona no que lles veña ben a todos.
Para obter máis información, os interesados poden chamar ós números de teléfono 982-26-00-75/79, ou enviar un correo electrónico a km0infantil@deputacionlugo.org.