O Concello de Xove acaba de incorporar catro novas marquesiñas á Avenida Deputación, dúas na entrada vindo dende Burela, e outras dúas cara o outro extremo, no entorno do Bar A Roda unha e a outra ao lado do Bar Cociña.
Non podemos esquecer que a Avenida Deputación forma parte da estrada principal que cruza Xove e que vai dende Viveiro en dirección a Ribadeo, razón pola cal o número de viaxeiros que a usan é moi alto. Neste sentido, dende o Concello preténdese mellorar o servizo a tódolos cidadáns de Xove, aos usuarios das liñas normais de transporte que viaxan en dirección a Burela ou a Viveiro e, tamén, aos numerosos usuarios que traballan en Alcoa e collen o autobús en Xove. Todos estes viaxeiros collían ata agora o autobús ao descuberto nas beirarrúas da Avenida. A partires de agora, e máis tendo en conta o chuvioso inverno que levamos e os que poidan vir, poderán refuxiarse e esperar comodamente o autobús en calquera das catro marquesiñas recen instaladas.
As marquesiñas miden uns 3´05 metros de boca por 1´1 metros de fondo e 2´55 metros de alto. Están feitas basicamente de aluminio en negro e vidros de seguridade; teñen unha estética moi coidada, integrándose moi ben na paisaxe urbana de Xove. Trátase dun deseño propio da empresa que os instalou, concretamente Aluminios Cruz da Venta do veciño Concello de Cervo.
O presuposto total destas marquesiñas, xa instaladas, foi de 14.495´8 euros e totalmente financiados polo Concello.