A CIG-Saúde A Mariña considera que é “en extremo prexudicial non saír ao paso de declaracións que relacionan ao Hospital da costa cunha trama de tráfico de bebés”.
Dadas a novas aparecidas na prensa de xeito reiterado con respecto a unha trama de venda de recen nacidos na que dalgún xeito se ve implicado o Hospital da Costa, a CIG-SAÚDE A Mariña, SOLICITA, tanto dende esta Xerencia como da Dirección de RRHH do SERGAS:
PRIMEIRO: Se emita un comunicado en defensa do persoal do centro, dado que a imaxe que dos traballadores e traballadoras que se transmite de cara aos usuarios/as é de implicación e sospeita o que redunda negativamente na imaxe privada das persoas e na pública da Sanidade e nin que dicir ten que prima o seu dereito á presunción de inocencia.
SEGUNDO: Se abra unha investigación interna para despexar calquera dúbida sobre o cumprimento da legalidade en materia de adopción e para poder demostrar de xeito fidedigno a non implicación do persoal do centro hospitalario.
Aínda sabendo que este escrito está motivado polas novas aparecidas na prensa e que polo de agora non hai ningún pronunciamento xudicial ao respecto, a CIG-SAÚDE A Mariña considera que é en extremo prexudicial non saír ao paso de declaracións que relacionan ao Hospital da Costa cunha trama de tráfico de bebés.
Por todo isto, e pola defensa do Sistema Sanitario Público consideramos que nin esta Xerencia nin o SERGAS deben pararse a esperar a que o Xulgado faga o seu traballo, tamén teñen que facer o deles e, de ser o caso, depurar as as pertinentes responsabilidades.