Lugo, 16 de xullo de 2013. O Boletín Oficial da Provincia de Lugo publica, este martes, a concesión de axudas económicas aos concellos por parte da Vicepresidencia da institución provincial para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) na súa modalidade básica para a anualidade 2013 por valor de 650.000 euros, un 27 cento máis que en 2011.
66 dos 67 concellos da provincia, é dicir, todos agás o de Lugo, recibirán esta subvención en función do número de usuarios e usuarias que teñen previsto atender ao longo deste ano e que lles permitirá continuar prestando este servizo sen que repercuta nos máis de 2.400 lucense que se benefician del a decisión do Goberno galego de deixar de cofinanciar o SAF básico nos concellos con menos de 20.000 habitantes.
Estas axudas, que foron aprobadas na Xunta de Goberno do pasado venres e que se concederon de acordo a criterios obxectivos e nunha mesa na que tiñan representación os tres grupos políticos con presenza na Deputación, permitirán manter preto de 2.000 postos de traballo.
O Boletín Oficial da Pronvicia de Lugo recolle, tamén, a relación de documentos para a xustificación e aboamento destas subvencións destinadas a gastos correntes do Servizo de Axuda no Fogar básico.
Vicepresidencia da Deputación materializa deste xeito o seu compromiso co mantemento dos servizos sociais nas zonas do rural lucense e cos colectivos máis desfavorecidos como persoas maiores e dependentes.
Enlace ao BOP:
www.deputacionlugo.org/portal_localweb_ag/RecursosWeb/DOCUMENTOS/1/0_8377_1.pdf#PAGE=8