Lugo, 23 de agosto de 2013. Na mañá deste venres, na rolda de prensa trala Xunta de Goberno da Deputación, o delegado de Cultura e Turismo, o nacionalista Mario Outeiro, fixo unha valoración da intensa actividade cultural que desde a Área de Cultura e Turismo se desenvolveu durante todo o verán. Tal e como afirmou Mario Outeiro “todos os días do verán houbo algunha actividade cultural deseñada desde aquí nalgún punto da xeografía lucense, posto que non só realizamos actividades nas instalacións da Deputación, senón que levamos a actividade cultural a todos os concellos lucenses”.
Mario Outeiro lembrou que as actividades de verán nos xardíns da Deputación, con actividades para público infantil os mércores, para todos os públicos o xoves e teatro os venres, así como os martes de cine e os concertos florais dos luns no Museo de Lugo foron un ano máis un éxito pola boa acollida entre o público noutro verán lucense máis. Tamén son, un verán máis, un completo éxito o conxunto de obradoiros e actividades que se deseñan en toda a Rede Museística, xa que todas as súas prazas se adoitan ocupar, ademais do éxito que supuxo o proxecto Enredarte, no que 12 artistas puideron facer as súas creacións interactuando entre eles mesmos e tamén co público que se achegaba á sala de exposicións de San Marcos.
Polos concellos lucenses desenvolveuse a programación “Onde está o Mago Antón?”, na que o ilusionista lucense ía realizando espectáculos de maxia de proximidade polas parroquias para rematar ao día seguinte cunha actuación de maxia. Alí polas diferentes vilas polas que pasou, o espectáculo do Mago Antón foi un completo éxito. Ademais, actualmente estase a desenvolver o programa Cultura Sobre Rodas, grazas ao cal 25 asociacións e concellos lucenses teñen a posibilidade de programar a obra de teatro d’Os Quinquilláns “O capricho do teatro”, unha montaxe arredor da obra de Roberto Vidal Bolaño. Diante deste volume de actividades culturais, e contando ademais co moitas outras actividades que son subvencionadas pola Área de Cultura a través das axudas en concorrencia competitiva a asociacións e concellos, Mario Outeiro contrapuxo o intenso labor de axuda ao sector cultural coa nefasta política que está a levar a cabo a Xunta de Galiza en materia de cultura, reducindo as axudas ao sector até deixalo practicamente en estado terminal.
Na mesma liña, Mario Outeiro cualificou de “tomadura de pelo” as declaración de Jesús Vázquez nas que afirma que a sentenza do TSXG, que obriga a anular os concertos aos centros que segregan nenos e nenas dada a discriminación sexista que supón, se cumprirá de xeito gradual. Segundo Mario Outeiro, a Consellaría de Educación publicou esta orde en pleno mes de agosto, no inicio dunha ponte e coa intención de que pase desapercibida ao conxunto da sociedade galega o incumprimento da sentenza do TSXG que no mes de marzo anulaba os concertos que a Consellaría de Educación que mantiña cos cinco colexios relixiosos que segregan o alumnado por razóns de sexo.
Mario Outeiro lembrou que Adán lembrou que esta supresión dos concertos xa fora decidida polo Goberno bipartito e ao retornar o PP ao goberno galego faltoulle tempo para decidir devolvérllelos. O feito de que non se asuma agora unha sentenza que deixa claro que a actual lei de educación, a LOE, prohibe taxativamente a discriminación do alumado por sexo e aposta por outorgarlle prioridade aos centros educativos que practiquen a “coeducación” implica un desprezo das políticas de igualdade. Por isto, hai que demandar que a Secretaria xeral de Igualdade ou o Vicepresidente da que ela depende organicamente rachen o seu silencio absoluto e expliquen se consideran que desde o principio de igualdade e de coeducación pode desoírse esta sentenza.