Lugo, 13 de agosto de 2013. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, recibiu, este martes, no campo de fútbol de Frigsa, aos rapaces e rapazas saharauís que participan no programa Vacacións en Paz, que organiza a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Alí realizaron varias actividades deportivas xunto ás categorías inferiores da SCD Milagrosa, “equipo de fútbol de referencia que promove o deporte desde a base e ao que lle agradecemos a súa colaboración nesta actividade”, precisou Veiga.
Previamente, Veiga reuniuse co delegado do Sáhara en Galiza, Alali Emboiric Mohamed, así como con representantes da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, o seu vicepresidente, Emilio Portela Bouzas, e a súa delegada en Lugo, Manuela Pacín.
Máis de 30 crianzas procedentes dos campamentos de refuxiados de Tindouf, Arxelia, están pasando os meses de verán en familias de acollida na provincia de Lugo, grazas a este programa que ten como obxectivos promover valores como a solidariedade e a tolerancia na sociedade galega, facilitando así a súa convivencia e integración, ao mesmo tempo que ofrece unha alternativa de ocio que lle permite aos nenos e nenas saharauís evitar a súa estancia nos campamentos durante os meses de xullo e agosto, nos que se rexistran temperaturas moi elevadas no seu lugar de orixe.
Neste sentido, Antonio Veiga explicou que “dende a Vicepresidencia da Deputación de Lugo cremos que as familias están facendo un labor digno de loar, sobre todo en épocas nas que a situación económica non é moi favorable. Así mesmo, queremos amosar a nosa solidariedade con estes nenos e nenas e con todo o seu pobo, a nosa solidariedade na loita deste pobo pola súa soberanía en contra da tiranía que exerce Marrocos violando as resolucións de Nacións Unidas que deixan claro o dereito a autodeterminación”.
“A xornada de convivencia de hoxe – continuou o vicepresidente- con estes nenos e nenas que sofren as consecuencias deste conflito, pretende ser, tamén, un recordo cara todos aqueles que se atopan nos territorios que o Estado de Marrocos mantén ocupados co obxectivo de quitarllos a aqueles que teñen o dereito sobre eles. Os nacionalistas galegos tamén sabemos o que é o xenocidio cultural e a privación das liberdades nacionais, polo que tamén nos sentimos parte do pobo saharauí; compartimos con el a loita por dotarnos dun Estado propio”.
Para completar a xornada, as rapazas e rapaces viaxaron ata o Parque Zoolóxico Marcelle Natureza, onde puideron coñecer máis sobre o medio ambiente e a diversidade biolóxica da zona visitando o seu bosque autóctono habitado por multitude de animais en liberdade, e onde puideron desfrutar dun xantar todos xuntos.