Lugo, 26 de setembro de 2013. Este xoves, o vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, xunto ao concelleiro e tenente de alcalde de Mondoñedo, Xusto López, o organizador das festas, Miguel Souto, e o segundo tenente de alcalde, Modesto Fernández, presentaron esta mañá na Deputación as Festas das San Lucas, que se celebrarán en Mondoñedo do 17 ao 20 de outubro.
Antonio Veiga, na súa intervención, destacou que “estamos diante dunha das festas máis antigas de Lugo e Galiza, a súa tradición é a tradición dun país e o seu reflexo a nosa cultura nunha celebración que ten máis de oitocentos anos de historia. As San Lucas son o espello dun país e dun pobo, onde o mundo rural se xuntaba para saír adiante nun acontecemento social no que o encontrarse coa xente era primordial”.
Tal e como explicou o organizador das festas, Miguel Souto, o programa contempla os actos centrados no mantemento da tradición, como a baixada de gando cabalar dos montes na véspera das festas, o día antes do 18, día grande das San Lucas, e énchese de actividades ao longo dos catro días nos que se celebran as festas.
As San Lucas comezan a datarse no ano 1.156, cando se lle concede a Mondoñedo o título de Cidade. Este ano o 17 de outubro comezan as festas co pregón a cargo de María Pernas Martinez e a baixada do gando cabalar desde o monte ata pasar polas rúas da cidade ata o campo da feira. Ese mesmo día realizarase tamén unha ofrenda floral ao mariscal Pardo de Cela na Praza da Catedral. Ao seguinte día, o 18, día das San Lucas, a feira tradicional contará co concurso de cabalos no que se premiarán os mellores andadores, nas modalidades de serrada e chapeada, tradicionais de Galiza e norte de Portugal. No auditorio de Mondoñedo haberá teatro e tamén a actuación do gaiteiro Xosé Manuel Budiño, mentres que ese día na Praza da Catedral estará o grupo Di Ellas, encabezado polo actor lucense Luís Tosar.
O sábado día 19 haberá un encontro folclórico no que participarán 4 formacións, contando ás 8 da tarde co concerto no Auditorio do cantautor ferrolán Andrés Suárez.
O domingo, último día das festas, pecharase coa actuación do monologuista Carlos Blanco no auditorio de Mondoñedo e a actuación de orquestras pola noite.
Desde a vicepresidencia da Deputación apóiase esta celebración das festas das San Lucas por constituír unha das feiras máis antigas de Galiza, do Estado e de Europa. Nelas viven aínda a tradición onde os mindonienses se xuntan coa xente chegada de toda a comarca, posto que son unhas festas nas que os visitantes se contan por milleiros.