O Consello da Xunta, na súa reunión deste xoves, aprobou o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón á urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción das obras de acceso ao porto de Burela.
O departamento que dirixe Agustín Hernández avanza un paso máis na tramitación desta infraestrutura, para cumprir co compromiso trasladado recentemente ao alcalde de Burela, José María González Barcia, de licitar esta actuación no vindeiro ano 2014. Coa dispoñibilidade dos terreos, a Axencia Galega de Infraestruturas poderá sacar a concurso as obras, que implican un investimento de máis de 7,5 millóns de euros (7.662.180,56). Cómpre recordar que a tramitación desta actuación xa conta co proxecto aprobado e ademais concluíu o período de información pública.
Desde a Xunta de Galicia considérase necesario habilitar unha nova vía que permita a canalización do tráfico rodado derivado da actividade que produce o porto de Burela, facilitando e axilizando a circulación de vehículos pesados xerada por este e reducindo os riscos para a seguridade viaria, así como os impactos ambientais que produce o paso deste tipo de vehículos polo centro urbano.
Cómpre lembrar que o Goberno galego fixo unha serie de melloras, non só para que a actuación se adaptase ao planeamento urbanístico, senón tamén ambientais, xa que o paso do Feve se realizarase por abaixo (no proxecto orixinal realizábase con paso superior), o que permitirá un menor impacto ambiental, ao non eliminar as vistas ao mar, dado que irá practicamente en desmonte (no proxecto orixinal discorría en terraplén).
Descrición do proxecto
O actual acceso á zona portuaria realízase polo centro do núcleo urbano, coas molestias e a perigosidade que isto supón tanto para os usuarios do peirao como para o propio núcleo de Burela. O Goberno galego é consciente da relevancia de mellorar este acceso, xa que o porto de Burela é un dos de maior volume de operacións dentro dos Portos adscritos á Comunidade Autónoma de Galicia.
Co desenvolvemento destas actuacións definirase unha nova vía que permitirá unha nova canalización do tráfico rodado derivado da actividade que produce o porto de Burela, onde se facilitará e axilizará o tránsito pesado ao dito porto, reducindo os riscos e distorsións ambientais que conleva.
A nova vía enlazará a avenida Arcadio Pardiñas coa avenida da Mariña na zona portuaria, á altura da nova lonxa. Ten a súa orixe no p.q. 0+000 e finaliza no p.q.1+260, ten, polo tanto, unha lonxitude de 1,2 quilómetros. O novo acceso discorre entre o acantilado e a liña do Feve, cruzándoa aproximadamente no p.q. 0+920. A infraestrutura conta cunha sección transversal con tres carrís de 3,50 metros e dúas beiravías dun metro.
A obra discorre fundamentalmente en desmonte, excepto no tramo final onde a glorieta na intersección coa avenida de Arcadio Pardiñas supón un recheo de pouca entidade.
A xeometría da estrada está totalmente condicionada pola orografía da zona e a presenza da liña do Feve, de tal xeito que a vía proxectada está completamente encaixada entre o acantilado e a liña de ferrocarril.
No que se refire a estruturas, o proxecto de acceso comprende as seguintes:
· Paso inferior baixo o Feve. Sitúase entre os p.q. 0+856 e 0+946
. Muros pantalla de pilotes entre os p.q. 0+821 e 0+856 e entre os p.q. 0+946 e 0+980, como prolongación do paso inferior baixo a liña do Feve para evitar que os derrames de terras invadan a liña
· Muro pantalla de pilotes ancorados ao terreo entre os p.q. 0+450 e 0+510, para contención da propia vía
· Muro pantalla de pilotes ancorados ao terreo entre os p.q. 1+060 e 1+120, para evitar a afección á estrada nacional
· Muros de entullo en zonas puntuais para garantir a estabilidade de noiros
As unidades principais de obra centraranse na escavación de 169.621 metros cúbicos e o estendido de mestura bituminosa en quente. O proxecto tamén inclúe traballos de restauración e acondicionamento paisaxístico, restauración de patrimonio histórico, drenaxe lonxitudinal e transversal e sinalización horizontal e vertical.
O presente proxecto beneficiará directamente unha poboación de máis de 9.500 habitantes do Concello de Burela. A poboación vese incrementada debido ao emprego que xera o porto e á afluencia turística que se xera sobre todo na estación do verán.