A CIG iniciou unha campaña que se desenvolverá nos vindeiros meses, coa que se pretende pór o problema do desemprego nun primeiro plano. A campaña contempla a celebración de asembleas en todas as comarcas, mobilizacións en todo o país e a presentación dunha ILP para promover o debate, no Parlamento, da proposta elaborada pola central sindical, na que se recollen “100 medidas para o crecemento económico e a creación de emprego en Galiza”.
A central sindical pretende, deste xeito, situar o problema do desemprego e da alarmante destrución de emprego que se está producir en Galiza no primeiro plano do debate tanto social como institucional.
A campaña desenvolverase en distintas fases:
A primeira centrarase na presentación pública do documento no que se recollen as medidas para o crecemento económico e a creación de emprego, xunto coa celebración de asembleas comarcais nas que participarán os comités de empresa e delegados e delegadas da central sindical. Ademais, celebraranse asembleas de desempregados/as e farase un traballo de divulgación nas oficinas de emprego.
Nesta mesma fase, está prevista a convocatoria de mobilizacións con marchas desde centros industriais e concellos, na semana do 14 ao 19 de outubro, que culminaría o sábado día 19 cunha mobilización nacional en Compostela.
A segunda fase centrarase na presentación dunha ILP, para que o debate, ademais de ser social, se leve ao Parlamento de Galiza. Nesta fase, alén da recollida das sinaturas necesarias para que se dea entrada á ILP, a CIG pedirá o posicionamento de Comités de Empresa e concellos.
A terceira fase da campaña ten como obxectivo facer un seguimento do cumprimento dos acordos acadados no trámite parlamentario.
100 medidas para o crecemento económico e a creación de emprego
A CIG decidiu compilar nun único documento as diferentes propostas que a central sindical vén defendendo desde que comezou a crise, fundamentalmente pola alarmante destrución de emprego que se deu en Galiza nestes últimos anos.
Así, segundo os últimos datos da EPA, hai 288.000 persoas desempregadas, o que se corresponde cunha taxa de paro do 22,4%. , a máis alta da nosa historia. Cifras que xustifican sobradamente que o desemprego pase a un primeiro plano, máis cando as previsións de crecemento son malas e as máis optimistas prevén un crecemento tan cativo que non traería consigo a xeración de emprego neto.
Tras estes fríos datos de paro hai persoas en risco de empobrecemento e exclusión social. O incremento dos índices de emigración da mocidade, que vai traballar e xerar riqueza noutros países, no canto de facelo en Galiza, e a falta de emprego provoca unha grave situación de debilidade da clase traballadora, que ve mermada a súa capacidade de reacción para mobilizarse e defender unhas condicións dignas, o que está a provocar o deterioro das condicións laborais e, en consecuencia, a caída da produción e do consumo. Para a CIG existen medidas, hai alternativas. Pódense facer outras políticas económicas se queremos saír da crise atendendo aos intereses da maioría social.
Estas medidas pódense agrupar en 11 propostas que recollen o esencial do documento e que se centran en promover o consumo de produtos propios, para reactivar o mercado interior; pór en marcha un plan industrial que promova o desenvolvemento dos sectores básicos da economía e que se pechen os ciclos produtivos en Galiza; a defensa dunha tarifa eléctrica galega ou incrementar os investimentos en I+D+i até chegar ao nivel de investimento dos países do noso contorno, para competir pola vía da mellora da calidade dos produtos e non pola da precarización do emprego.
Xunto a isto, a CIG propón o reparto do tempo de traballo, porque é absurdo que neste momento e coas novas tecnoloxías, vaiamos a xornadas de traballo cada vez máis amplas. Defendemos a redución da xornada ás 35 horas semanais. Ademais, a central sindical defende a necesidade de dignificar os salarios, entendendo que non se pode recuperar o consumo e a produción con salarios cada vez máis baixos.
No documento tamén se avoga polo incremento do investimento e gasto público en infraestruturas e servizos públicos e se aposta por unha reforma da política fiscal para incrementar os ingresos do Estado porque non ten sentido facelo incrementando os impostos indirectos.
Fronte a isto, a central sindical propón incrementar os impostos ao capital, ás grandes fortunas e ás grandes empresas e que paguen o que lles corresponde de Imposto de Sociedades. Isto xunto ao combate á fraude fiscal, que nun 70% comete a banca e as grandes empresas multinacionais.
Aínda que xa se iniciou o proceso de venda de Novagalicia Banco, a CIG mantén a súa proposta de creación dunha Banca Pública. Isto sería posíbel se se destinasen a este fin os miles de millóns de euros que foron para salvar á banca privada.
Outra das medidas do documento é a creación dun Salario de Inserción Laboral que garanta unhas condicións mínimas a aquelas persoas desempregadas que xa perderon as prestacións. Unha situación na que se xa atopa máis do 50% do total de desempregados/as.
A CIG demanda tamén que o Parlamento de Galiza reclame a transferencia de competencias en política financeira, fiscal e laboral, entre outras. Para o noso sindicato é necesario que o goberno e o Parlamento galego poidan contar coa capacidade de decisión necesaria para enfrontarse á crise sen depender de políticas emanadas doutras institucións e por iso reclamamos soberanía.
Calendario e itinerarios das marchas polo emprego da CIG
A CIG, dentro da campaña polo emprego que está a desenvolver, ten programadas marchas a pé por todas as comarcas durante a semana do 14 ao 19 de outubro, para dar a coñecer a iniciativa da central sindical e pór no centro do debate social e institucional o grave problema do desemprego e as medidas que se deberían adoptar para afrontalo. Ademais, nesta semana previa estanse a realizar repartos na rúa, nos centros de traballo e nas oficinas do Inem, para informar das propostas e mobilizacións da CIG. A primeira fase da campaña concluirá o sábado 19 de outubro cunha manifestación nacional, que sairá ás 12:00 horas da Alameda compostelá.
Calendario das marchas na nosa provincia:
– Martes 15 de outubro: ás 09:30 horas marcha dende a Factoría de Alimentos Lácteos en Outeiro de Rei. Ás 10:30 horas marcha dende o HULA. Ambas marchas confluirán para rematar conxuntamente diante do edificio Multiusos da Xunta en Lugo.
– Mércores 16 de outubro: ás 10:30 horas marcha dende o Pazo de Sober (Sober) até o Hospital comarcal de Monforte.
– Xoves 17 de outubro: ás 10:00 horas, marcha dende a fábrica de Muebles Hermida no Polígono Industrial de Lourenza até a Praza do Concello de Mondoñedo.
– Sábado 19 de outubro : na Alameda saída da manifestación nacional, para asistir a esta manifestación poñeremos un autobús dende a Mariña a disposición dos/as interesados/as. Inscripción no local da CIG de Burela (tfno 982 581 861).
Dende a CIG convidamos a todos os traballadores, en activo ou desempregados, a participar na marcha de Lourenzá a Mondoñedo do dia 17 e á manifestación nacional polo emprego do 19 en Santiago.























Na Mariña será en Viveiro, na Praza Maior.
As deputadas do PP lucense no Parlamento galego, Raquel Arias e Nicole Grueira, e a alcaldesa de Cervo, Dolores García, mantiveron na localidade un encontro con mulleres vinculadas ao sector do mar co obxectivo de visibilizar e poñer en valor o seu papel fundamental na economía mariñeira e na vida das vilas costeiras. A reunión serviu como espazo de diálogo e recoñecemento ao traballo que durante anos desenvolveron mariscadoras, redeiras e outras profesionais do sector. As populares manifestaron a súa defensa da igualdade e aseguraron que “sen as mulleres o sector do mar non se atende”.
Será na Explanada do Círculo Habanero, en carpa climatizada. Programa: 13:30: Sesión vermú con Dúo Puma. 14:30: Xantar (fabada, costela con patacas, sobremesa, café e bebida). Prezos: Socios 20 €. Non socios 30 €. Nenos 6–12: 15 €. Menores de 6 anos: gratis. Entradas: domingos 15 e 22 de marzo, de 11:30 a 13:30 no Local Social. Contacto: 682 06 57 07
A feira instalarase na Praza da Constitución e contará con showcookings, catas, música en directo e actividades para todos os públicos. O sábado haberá demostración culinaria con Marcos Pereiro, sesión vermú, talleres infantís e concertos de 9Louro e Mondra. O domingo incluirá showcooking de Miguel Mosteiro, novas catas e a tradicional sesión de baile no Centro Cultural.
Pode visitarse ata outubro e explica como se producía o ferro na antigüidade. O documental “Da pedra ao ferro” publicarase proximamente na web do Museo.
Asistiron o tenente coronel Rubén García Díez, que é xefe do Grupo de Honores da Garda Real; o comandante Féliz Rodríguez Alcántara, segundo xefe do Grupo de Honores da Garda Real; o capitán Miguel Martínez Vilela, xefe da Escuadrilla Plus Ultra da Garda Real; así como persoal da devandita escuadrilla. O obxectivo da xuntanza foi coñecer a labor deste grupo do Exército, as actividades que desenvolve e a posibilidade de que algunha delas se poida levar adiante en Ribadeo. Tamén participaron a concelleira de Seguridade, Montse Seijo, e o xefe da Policía Local, Andrés Redondo.
Ás 12:00 h, no Parque Ramón de Campoamor, terá lugar o acto institucional de homenaxe. Pola tarde, no Casino de Navia, haberá actividades abertas ao público: 18:00 h – Recital “Poesía que nos une escondida entre renglones”. 19:00 h – Encontro coa escritora Matilde Suárez, Premio “Ría del Eo”. A alcaldesa, Ana Fernández, destacou o compromiso de Navia por recuperar e poñer en valor o legado do poeta e consolidar o concello como referente cultural.



